A Feira de Ciencia Isabel Zendal volve ao Aquarium Finisterrae con entrada de balde e dez obradoiros divulgativos

A Universidade da Coruña e os Museos Científicos Coruñeses organizan unha nova edición da Feira de Ciencia Isabel Zendal, que se celebrará o vindeiro sábado 7 de febreiro no Aquarium Finisterrae. A cita, xa na súa oitava edición, propón unha xornada de divulgación aberta a todos os públicos que combinará xogos, experimentos e talleres participativos arredor da ciencia, o mundo mariño e as expedicións marítimas.
Con motivo do evento, o Aquarium celebrará unha xornada de portas abertas, polo que a entrada será gratuíta, aínda que será preciso reservar previamente. As inscricións habilítanse hoxe, mércores 4, a partir das 09.00 horas, a través da plataforma municipal de ticketing.
O centro abrirá de 11.00 a 19.00 horas (último acceso ás 18.00) e os obradoiros desenvolveranse en dúas franxas: de 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 18.30 horas. A feira repartirase polas diferentes salas do Aquarium e contará con profesorado e alumnado universitario, con propostas adaptadas a distintas idades. Para facilitar o acceso ás persoas maiores de 65 anos, a organización habilita a posibilidade de entrar sen reserva previa.
Os obradoiros estarán impartidos por profesorado da UDCiencia en colaboración co persoal dos museos. Entre as actividades programadas figuran ‘Isabel Zendal e os 21 expósitos’, ‘Moluscopedia’, ‘Ponte as pilas’, sesións sobre sistema inmune e vacinas, extracción de ADN, diversidade xenética e xogos para descubrir os ‘superpoderes’ do polbo, entre outras propostas.