A Feira das Ideas reúne no Fórum o talento emprendedor dos centros de FP da cidade

A concelleira de Emprego, Comercio e Mercados, Diana Cabanas, supervisou o desenvolvemento da Feira das Ideas do programa Inicia, que tivo lugar no Fórum Metropolitano. Esta iniciativa, organizada por Espazo Coop, Unión de Cooperativas Galegas, conta co apoio do Concello da Coruña. “Desde o Goberno de Inés Rey colaboramos nesta iniciativa porque consideramos que é importante amosar o talento e o traballo que levan a cabo os centros de Formación Profesional da cidade”, indicou Diana Cabanas.
Durante a mañá, expuxéronse os 15 proxectos finalistas nunha mostra aberta que incluíu maquetas, materiais gráficos e outros recursos para dar a coñecer as súa ideas de negocio. Un comité avaliador supervisou todas as propostas e decidiu que a mellor foi Milgranda, seguida de Recipa e Plastictopía, todas elas do IES Rosalía Mera. Ademais, o premio ao centro máis implicado foi para o Nebrija.
Os centros participantes nesta xornada foron: a Grande Obra de Atocha, o Centro de Formación Profesional Nebrija, o IES Rosalía Mera e a Escola de Imaxe e Son.
Xa pola tarde, o auditorio do Fórum Metropolitano acolleu a Xornada Inicia, na que se presentaron diversas experiencias emprendedoras con representantes de iniciativas locais como Pablo Visos Varela (Sherlook), Enrique do Rosario (Sunwalk Records) ou o equipo de Skomb-by-Tex. A continuación, procedeuse á entrega dos Premios "Formación para emprender", nun acto que contou coa participación da concelleira.