A Feira da Cultura En CaMIÑO recibe unha subvención estatal de 9.000 euros para impulsar o seu crecemento

A IV Feira da Cultura En CaMIÑO foi unha das iniciativas seleccionadas polo Ministerio de Cultura dentro da convocatoria de Subvencións para a Promoción da Lectura e das Letras Españolas, obtendo unha axuda de 9.000 euros. Miño convértese así nun dos cinco municipios galegos beneficiarios deste programa, considerado un dos máis esixentes do ámbito estatal.
O evento celebrou este ano a súa cuarta edición cun importante incremento de público, vendas e actividades, consolidándose como unha proposta singular pola súa maneira de achegar a literatura á cidadanía: levando libros, autores e encontros ás rúas, a espazos naturais e mesmo á praia.
Desde o Goberno local subliñan que esta subvención supón un impulso decisivo para seguir fortalecendo a programación e ampliar o alcance dun proxecto que aposta pola lectura como unha experiencia accesible e aberta a públicos diversos.
A próxima edición da Feira da Cultura En CaMIÑO celebrarase os días 17, 18 e 19 de xullo, co obxectivo de afianzar a Miño como un referente cultural, onde natureza, literatura e identidade local se unen nun evento pensado para todos os públicos.