A Federación Veciñal da Coruña convoca unha xornada aberta sobre reciclaxe e o quinto contedor

ACoruñaXa
A cita será o 18 de decembro, ás 19.00 horas na sede da entidade e participarán Luisa Varela, Yoya Neira e Rodrigo López
A CORUÑA xornada reciclaxe
18 Dec 2025

A Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana organiza este xoves 18 de decembro a xornada 'Reciclaxe e quinto contedor', un encontro informativo centrado no funcionamento da reciclaxe e nos cambios previstos no modelo de xestión de residuos na cidade.

A sesión celebrarase ás 19.00 horas na sede da Federación, situada na avenida de Glasgow, 7. No acto intervirán a presidenta da entidade, Luisa Varela; a concelleira de Medio Ambiente do Concello da Coruña, Yoya Neira, e o consultor en sostibilidade e comunicación ambiental e cofundador de Permae, Rodrigo López.

A xornada abrirase cunha primeira intervención de Rodrigo López, que ofrecerá unha panorámica sobre 'A reciclaxe en Europa, España e Galicia' para contextualizar a situación actual. A continuación, Yoya Neira afondará no 'Novo modelo de xestión de residuos da Coruña', con especial atención ao quinto contedor e aos cambios na taxa do lixo no municipio.

O encontro rematará cunha quenda de preguntas do público e, ao finalizar, está previsto un brinde de Nadal. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

⚙ Configurar cookies
0.092761993408203