A Facultade de Informática da UDC convértese en sede da BrinQo Quantum Computing Game Jam 2026

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) acollerá desde o venres 6 de febreiro a BrinQo (Quantum Computing Game Jam 2026), unha iniciativa interuniversitaria impulsada polo Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) que mestura divulgación científica e creatividade dixital a través do deseño de videoxogos inspirados na computación cuántica.
A actividade celebrarase do 6 ao 13 de febreiro en formato semipresencial e en paralelo nas tres universidades galegas (UDC, USC e UVigo). A xornada inaugural arrancará ás 09.30 horas nas distintas sedes con sesións introdutorias centradas en conceptos básicos de tecnoloxías cuánticas e en ferramentas para o desenvolvemento de videoxogos.
Durante oito días, as persoas participantes poderán traballar de maneira individual ou en equipos de ata catro integrantes para crear un xogo no que o enfoque cuántico se reflicta na estética, nas mecánicas ou mesmo no uso de computación ou emulación cuántica. A Facultade lembra, ademais, que non é preciso contar con experiencia previa nin en computación cuántica nin en deseño de videoxogos.
A BrinQo enmárcase no proxecto QUORUM, unha alianza apoiada polo CDTI orientada a fortalecer o ecosistema europeo de innovación en tecnoloxías cuánticas e a achegar contidos formativos accesibles a distintos perfís. Un xurado especializado avaliará as propostas e os xogos publicaranse posteriormente online.