A Facultade de Informática da UDC acolle o HackUDC 2025, o maior hackathon de Galicia

ACoruñaXa
O evento reunirá a 304 estudantes de 5 países e 75 localidades para afrontar retos por empresas no sector
SLZ_GPUL_HACKATON_099
20 Feb 2025

A Facultade de Informática da Universidade da Coruña (UDC) convértese no epicentro da innovación tecnolóxica esta fin de semana coa celebración do HackUDC 2025, o maior hackathon de Galicia. O evento, que se desenvolverá desde o venres 21 ata o domingo 23 de febreiro, reunirá a 304 estudantes de 5 países e 75 localidades para afrontar retos formulados por empresas líderes do sector. En xogo estarán máis de 3.000 euros en premios, cos proxectos desenvolvidos baixo licenza de software libre.

Organizado polo Grupo de Programadores e Usuarios de Linux (GPUL), o HackUDC ten como obxectivo promover a creatividade, a innovación e a colaboración na resolución de problemas reais. A cerimonia de apertura celebrarase o venres ás 19:00 horas no salón de actos da FIC, coa presenza do reitor da UDC, Ricardo Cao, e da vicerreitora de Estudantes, María José Lombardía.

O HackUDC 2025 destaca pola súa diversidade académica e xeográfica. Participan estudantes de graos e másters en Enxeñaría Informática, Telecomunicacións, Matemáticas, Física e outras disciplinas STEM, así como alumnado de formación profesional e outros niveis educativos. A nivel internacional, estarán representados España, Portugal, Italia, Francia e Alemaña.

Desde a súa primeira edición en 2023, o HackUDC triplicou a súa participación, consolidándose como un referente no ámbito tecnolóxico galego e internacional. Durante a fin de semana, os participantes contarán cun espazo completamente equipado, con zonas de traballo, charlas e sesións de mentoría impartidas por profesionais do sector.

Os desafíos abordarán áreas clave como a intelixencia artificial, a ciberseguridade, a computación na nube e o desenvolvemento de aplicacións innovadoras. As mellores solucións non só optarán aos premios económicos, senón tamén a posibles colaboracións futuras coas empresas patrocinadoras.

Esta edición contará con actividades paralelas destinadas a fomentar o networking entre estudantes, profesorado e representantes empresariais, así como espazos dedicados á experimentación con novas tecnoloxías e exposicións de proxectos destacados de anos anteriores.

O HackUDC 2025 conta co apoio de compañías como Gradiant, Denodo, Nomasystems, Kelea, InditexTech, Management Solutions, Dinahosting e a cátedra CICAS (SNGULAR). Tamén colaboran entidades como AMTEGA, AstroCafé, GADIS e Perusiñas, reforzando así a conexión entre o mundo académico e o tecido empresarial.

O evento representa unha oportunidade única para que estudantes e profesionais se acheguen ao ecosistema tecnolóxico galego e internacional, consolidando á UDC como un referente en innovación e talento dixital.

0.11992883682251