A Facultade de Informática convértese esta fin de semana no gran laboratorio do talento dixital galego co HackUDC

ACoruñaXa
A cuarta edición do maior hackathon de Galicia reúne do 27 de febreiro ao 1 de marzo máis de 450 estudantes e mocidade titulada, con 36 horas para crear proxectos de software libre e premios de máis de 8.000 euros
A CORUÑA hackudc
27 Feb 2026

A Facultade de Informática (FIC) da Universidade da Coruña volverá ser esta fin de semana o epicentro da creatividade tecnolóxica coa celebración do HackUDC, un encontro intensivo no que equipos de ata catro persoas teñen 36 horas para idear e desenvolver un proxecto desde cero, sempre baixo licenza libre.

A organización prevé a participación de máis de 450 persoas chegadas de diferentes puntos da península nun evento xa consolidado como referencia no ecosistema innovador galego. Na web oficial do hackathon, a cita preséntase como un encontro de software libre con máis de 400 participantes e premios que superan os 8.000 euros.

A cerimonia de apertura celebrarase este venres ás 18.30 horas no salón de actos da FIC, cunha mesa redonda arredor dos efectos da intelixencia artificial, o emprendemento entre a xente moza e o futuro do sector tecnolóxico. Nela participarán o reitor da UDC, Ricardo Cao, e a vicerreitora de Estudantes, María José Lombardía, xunto ao director da AESIA, Alberto Gago, e Carmen Pumariño, do comité de dirección de Startup Galicia.

Durante a fin de semana, as persoas participantes poderán traballar sobre retos propostos polas entidades patrocinadoras ou presentar unha idea propia. O evento é gratuíto e inclúe espazos de traballo, conexión wifi, manutención (almorzos, xantares, ceas e petiscos) e zonas para o descanso. A organización tamén promove dinámicas de formación de equipos para facilitar que quen chegue sen grupo poida integrarse nun.

A edición de 2026 conta co apoio de empresas e entidades como InditexTech, Kelea, Merlin Software, Alén Space, Denodo, Grafana Labs, Gradiant e o CITIC, ademais da colaboración da propia UDC, a FIC, AMTEGA, Startup Galicia, Grupo Billingham e Sticker Mule, entre outras.

0.12794995307922