A Facultade de Ciencias do Deporte celebra 40 anos cun calendario de actos ata novembro

A Facultade de Ciencias do Deporte e a Educación Física da Universidade da Coruña conmemora este ano o seu 40 aniversario cun amplo programa de actividades que se desenvolverá ata o mes de novembro, cando está previsto o acto institucional de peche.
Baixo o lema '40 aniversario INEF Galicia', en referencia á denominación coa que naceu o centro hai catro décadas, a facultade puxo en marcha un calendario que combina propostas divulgativas e citas vencelladas á práctica deportiva. O obxectivo é celebrar a traxectoria dun centro que foi referente na formación en deporte e educación física en Galicia.
Durante este mes de abril desenvolveranse varias conferencias arredor de cuestións como o fútbol feminino, o remo, a formación sobre o circo ou a propia historia do INEF ao longo destes corenta anos. A programación completarase tamén con seminarios e outras actividades que a facultade irá difundindo a través da súa páxina web e das redes sociais da UDC.
Entre as colaboracións incluídas neste aniversario figura a Carreira Costa Ártabra, prevista para o 19 de abril e dedicada nesta edición a Andrés Díaz. Uns días despois, o 26 de abril, celebrarase a XXXI Carreira Alternativa 'Pola igualdade e a inclusión'.
Xa no mes de maio será a quenda das carreiras de orientación, con dúas citas programadas en Bastiagueiro, os días 9 e 30. O programa continuará nos vindeiros meses ata culminar en novembro cun acto institucional co que a facultade pechará esta conmemoración dos seus 40 anos.