A Facultade de Ciencias da UDC será o escenario da XX Olimpíada de Bioloxía na fase autonómica galega

A Facultade de Ciencias da Universidade da Coruña (UDC) será a sede este venres, 14 de febreiro, da celebración da XX Olimpíada de Bioloxía (Fase Autonómica Galega), un evento organizado polo Colexio Oficial de Biólogos de Galicia (COBGA) e a Asociación Olimpíada de Bioloxía (OEB), en colaboración coas tres universidades públicas galegas e a Xunta de Galicia.
O principal obxectivo da Olimpíada é fomentar os estudos relacionados coa Bioloxía e promover o interese na investigación científica entre o estudantado do sistema educativo español. Este ano, a competición adquire unha relevancia especial ao conmemorarse o vixésimo aniversario da primeira edición da fase galega, que se considera un fito fundamental para a educación en Galicia.
Ao longo destas dúas décadas, a Olimpíada de Bioloxía converteuse nun evento de referencia para o alumnado de Bacharelato, sendo unha plataforma para identificar e motivar os novos talentos que, algúns deles, xa son protagonistas dos avances científicos na sociedade galega. Desde a súa primeira edición, máis de 2.300 estudantes galegos participaron nas probas.
Un total de 72 escolares de 32 centros galegos medirán os seus coñecementos en Bioloxía na edición deste ano. Participan 17 centros da provincia da Coruña, 2 da de Lugo, 5 da de Ourense e 8 da de Pontevedra, todos seleccionados na proba teórica previa que se celebrou en liña o 31 de xaneiro. Esta proba rexistrou un récord de participación, con 424 alumnos inscritos de 37 centros de toda Galicia.
A fase presencial, que terá lugar na UDC, consistirá en probas teóricas tipo test e probas prácticas de laboratorio, cubrindo os contidos de Bioloxía da ESO e de primeiro e segundo de Bacharelato, centrados na base molecular e fisicoquímica da vida.
Os tres primeiros estudantes desta fase autonómica galega representarán a Galicia na fase nacional da Olimpíada, que se celebrará en Canarias do 3 ao 6 de abril deste ano. Ademais, elixiranse outros tres estudantes como suplentes no caso de renuncia dos vencedores.