A Fábrica acolle este sábado un contacontos-obradoiro sobre as cantareiras para familias

O Concello de Oleiros acollerá este sábado 15 de novembro ás 18.00 horas no Centro Cultural A Fábrica unha nova proposta familiar de ‘Polo Correo do Vento’: un contacontos-obradoiro centrado nas cantareiras, as mulleres que conservaron a música e a lingua galega a través do canto popular e que foron homenaxeadas este ano no Día das Letras Galegas.
Durante a sesión, as familias participantes descubrirán a historia destas figuras esenciais na cultura galega, crearán un mural que represente o seu universo e participarán nun obradoiro de debuxo creativo no que cada neno e nena ilustrará a súa propia cantareira seguindo as indicacións da ilustradora.
A actividade está organizada pola Deputación da Coruña, coa colaboración do Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Oleiros, e forma parte do programa de dinamización cultural e lingüística destinado ao público familiar.
As familias interesadas poden inscribirse a través da páxina web municipal.