A exposición sobre Carvalho Calero circulará por espazos da provincia da Coruña durante todo o ano

ACoruñaXa
A Deputación publica as bases para ceder unha mostra itinerante de interior con 27 lenzos e 12 paneis, dirixida a entidades sen ánimo de lucro
DEPU CORU carvalho calero
9 Feb 2026

A Deputación da Coruña vén de publicar no BOP as bases para a cesión dunha exposición de interior dedicada á vida e á obra de Ricardo Carvalho Calero, unha iniciativa impulsada pola Sección de Normalización Lingüística para achegar a súa figura a espazos públicos e educativos da provincia.

A mostra, concibida como recurso cultural e pedagóxico, está formada por 27 lenzos e 12 cartóns pluma e propón un percorrido cronolóxico pola traxectoria vital e intelectual do autor. Os contidos combinan textos explicativos con ilustracións vinculadas ao seu tempo, co obxectivo de contextualizar a súa obra e espertar o interese pola lectura. Carvalho Calero foi unha figura clave das letras galegas e da reflexión lingüística contemporánea, recoñecida tamén coa dedicación do Día das Letras Galegas no ano 2020.

As bases establecen que a cesión está dirixida a entidades públicas ou privadas sen ánimo de lucro con sede social na provincia da Coruña. O prazo de solicitude permanece aberto todo o ano e as peticións deberán presentarse no Rexistro da Deputación ou a través da súa sede electrónica, coa documentación asinada dixitalmente pola persoa representante legal.

A cesión terá unha duración mínima de 12 días e máxima de 20, con opción de ampliación se se xustifica e non hai outras solicitudes activas. A adxudicación farase por orde de entrada e segundo dispoñibilidade, mediante resolución da Presidencia tras informe técnico, que será notificada ás entidades e publicada na web institucional. A Deputación tamén lembra a importancia de empregar linguaxe inclusiva e con perspectiva de xénero e de manter o galego en todos os materiais informativos e de difusión vinculados á exposición.

⚙ Configurar cookies
0.077721118927002