A exposición 'PekeArtistas' dará a coñecer o traballo artístico dos cativos de Cambre
O Concello de Cambre inaugurará este xoves, 20 de xuño, a exposición 'PekeArtistas'. A mostra, conformada por unha vintena de obras, é o resultado do traballo de 15 nenos que participaron, ao longo do curso, nas clases de pintura da Asociación Cultural Santa María de O Temple. A súa profesora, Carmen Quiñoá Rodríguez, incide en que se trata da “primeira exposición de todos os pequenos, que teñen idades comprendidas entre os 4 e os 14 anos”. A inauguración será en Vila Concepción, ás 19.00 horas, e poderá visitarse ata o 8 de xullo.
A mostra reúne unha vintena de traballos realizados nas propias sesións de pintura e con temáticas moi diversas. Tal e como explica a mestra, “hai nenos moi pequenos para os que este foi o seu primeiro achegamento á pintura, polo que as persoas verán algunhas obras máis abstractas, pero tamén outras moitas recoñecibles e que mesmo destacan pola súa técnica e colorido”.
A colección incluirá unha reprodución do Partenón de Atenas realizado por unha nena que viaxara recentemente á capital. Así mesmo, o público atopará un lenzo da Mariña da Coruña ou un bodegón con copas que leva a firma dun neno de Cambre, entre outras creacións. En canto á técnica, os artistas empregaron acuarela e pintura acrílica para materializar os seus traballos.