A exposición 'Orgullo da nosa lingua: o galego é un tesouro para compartir' estará en Betanzos ata o 2 de xuño
A exposición 'Orgullo da nosa lingua: o galego é un tesouro para compartir' da Secretaría Xeral de Política Lingüística chegará a Betanzos o vindeiro luns 27 de maio e poderá visitarse na praza dos Irmáns García Naveira ata o vindeiro 2 de xuño. Esta exposición chega a Betanzos a través da Rede de dinamización lingüística da Xunta de Galicia, da que o Concello de Betanzos forma parte.
Esta exposición aborda temas como a riqueza toponímica de Galicia, a abundancia do noso refraneiro, as variedades dialectais, as numerosas palabras que temos para falar da chuvia ou as moitas formas diferentes de chamarlles aos mesmos peixes. A través dun código QR, os e as viandantes tamén poderán interactuar desde os seus móbiles e participar no sorteo de distintos premios (entradas, lotes de libros, cadernos…).
A mostra consta de nove paneis que percorren particularidades do galego co fin de mostrar o seu valor e a súa riqueza, alimentar o sentimento de pertenza e convidar a cidadanía a falalo e poderá visitarse por libre ou ben coa guía dunha persoa dinamizadora que atenderá as persoas asistentes en Betanzos no seguinte horario:
- Martes 28 de maio de 10.00 horas a 14.30 horas e de 16.00 horas a 20.00 horas
- Mércores 29 de maio de 10.00 h a 14.30 horas e de 16.00 horas a 20.00 horas
- Xoves 30 de maio de 10.00 horas a 14.30 horas e de 16.00 horas a 20.00 horas
- Venres 31 de maio de 10.00 horas a 14.30 horas
A Secretaría Xeral de Política Lingüística programa esta exposición en colaboración co Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos a través da súa Rede de dinamización lingüística. O Servizo de Normalización Lingüística do Concello de Betanzos está subvencionado pola Deputación provincial da Coruña e pola Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades da Xunta de Galicia.