A exposición ‘Non calarás’ reivindica a memoria feminista tras gañar o premio Luísa Villalta 2024

Inaugúrase o xoves 6 de marzo a exposición 'Non calarás', gañadora do certame Luísa Villalta a proxectos pola igualdade do 2024, convocado pola área de Igualdade da Deputación. Terá lugar ás 12.00 horas na Mariña, entre a traseira da Autoridade Portuaria e Palexco.
Esta mostra busca visibilizar o papel das mulleres nas loitas, nos traballos e nas reivindicacións para unha sociedade máis igualitaria e xusta. A exposición está composta por unha serie de paneis que fan memoria sobre diversos colectivos femininos e momentos clave na historia: as revoltas das mulleres, as lavandeiras, as chambonas, as costureiras, as vendedoras de peixe, as irmandiñas, as mandadeiras, "El Progreso Femenino", as cigarreiras, as labregas, "Hijas de Galicia" e as cantareiras.
'Non calarás' é un proxecto historiográfico da Asociación Cultural Alexandre Bóveda que busca recuperar a memoria das mulleres cunha clara perspectiva feminista. Abarca diversos ámbitos de traballo, como a investigación, divulgación, exposición, publicación e organización de rutas, centrandose na cidade da Coruña, pero servindo como inspiración para outras vilas e cidades do territorio. Ademais, destaca pola súa coordinación co tecido asociativo e educativo.
A deputada de Igualdade, Soledad Agra, destacou a importancia de proxectos coma este, que "fan memoria e lembran esas historias de forza, resistencia, empoderamento e sororidade de grupos de mulleres que souberon tecer redes e traballar en común acadando fitos históricos, mais cuxos relatos ficaron na néboa dos tempos".