A exposición 'Non calarás' inaugúrase na Mariña, visibilizando as loitas históricas das mulleres

ACoruñaXa
Un proxecto historiográfico cunha clara perspectiva feminista, que abrangue investigación, exposición, publicación e rutas
inauguración-exposición
7 Mar 2025

A exposición 'Non calarás', promovida pola AC Alexandre Bóveda e gañadora do certame Luísa Villalta a proxectos pola igualdade 2024, organizado pola Deputación da Coruña, foi inaugurada esta mañá na Mariña, entre a traseira da Autoridade Portuaria e Palexco. O acto contou coa presenza da deputada de Igualdade, Soledad Agra, da presidenta da Asociación Cultural, María Xosé Bravo, do presidente da Autoridade Portuaria da Coruña, Martín Prado, e de Carmela Galego, directiva de Alexandre Bóveda.

A mostra preséntase como un percorrido polas loitas históricas das mulleres, reflectidas en paneis que recuperan a memoria de traballadoras que protagonizaron folgas, revoltas e protestas na defensa dos seus dereitos.

“Estamos ante un percorrido pola memoria desas mulleres que loitaron por un mundo máis xusto, que traballaron colectivamente ata conseguir logros que hoxe damos por feitos, pero que son moi fáciles de perder a pesares de ser tan difíciles de acadar”, sinalou a deputada de Igualdade, Soledad Agra, quen destacou o valor do proxecto promovido pola AC Alexandre Bóveda. “Forma parte dunha iniciativa máis ampla, que inclúe un libro e que nace dunha profunda investigación arredor das loitas das mulleres na nosa cidade”, engadiu.

Agra subliñou a importancia dos premios Luísa Villalta, creados para recoñecer e apoiar economicamente proxectos que poñan en valor o papel histórico, económico, social e cultural das mulleres. “Esta exposición é unha merecedora gañadora, pois permite achegarnos ás mulleres que fixeron a historia da Coruña, moitas delas anónimas e esquecidas polos libros e as crónicas”, afirmou.

A presidenta da AC Alexandre Bóveda, María Xosé Bravo, explicou que o obxectivo da exposición é contar a historia das mulleres que loitaron polos seus dereitos. “Antes ca nós, outras mulleres xa pelexaron para que hoxe gocemos de certos dereitos, pero debemos seguir alerta para non perder ningún deles”, afirmou. Bravo destacou que moitas destas historias estiveron ocultas, pois “a historia oficial está escrita sobre omisións e é necesario contalas”. Ademais, agradeceu á Deputación da Coruña o seu apoio a través dos premios Luísa Villalta, que fixeron posible o proxecto.

‘Non calarás’ é un proxecto historiográfico da AC Alexandre Bóveda cunha clara perspectiva feminista, que abrangue investigación, divulgación, exposición, publicación e rutas. A mostra permanecerá aberta ao público ata o día 17 deste mes.

⚙ Configurar cookies
0.38573384284973