A explanada do Paseo Marítimo do Burgo acollerá unha exposición de dinosauros animatrónicos a tamaño real

A explanada do Paseo Marítimo do Burgo será, desde este venres 10 de outubro e ata o domingo 19 de outubro, o escenario dunha exposición temporal dedicada ao mundo dos dinosauros. A mostra, organizada pola empresa Explora Dinosaurs, presenta recreacións animatrónicas a tamaño real acompañadas de reproduccións e paneis explicativos que permiten facer un percorrido didáctico e visual pola historia destas especies prehistóricas.
A proposta pretende achegar ao público de todas as idades o coñecemento científico mediante unha experiencia inmersiva: os visitantes poderán observar modelos de grande realismo e con movemento que reproducen o aspecto e os sons de diversos dinosauros que habitaron a Terra hai millóns de anos. A exposición combina contidos divulgativos con elementos interactivos pensados para familias e centros educativos.
O acceso á mostra realízase exclusivamente con entrada previa, que pode adquirirse na plataforma Ticketrona. Os horarios de visita son os seguintes: xoves e venres, de 18.00 a 20.00; sábados e domingos, de 11.00 a 14.00 e de 17.00 a 20.00. Co fin de fomentar a asistencia entre semana, aplícase un desconto do 20 % nas entradas compradas en liña para os xoves e venres.