A estación intermodal da Coruña avanza a bo ritmo e estará rematada a finais de ano

O conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, acompañado pola directora xeral de Mobilidade, Judit Fontela, inspeccionou hoxe as obras da estación intermodal da Coruña, que avanzan a bo ritmo e teñen prevista a súa finalización a finais deste ano.
A Xunta achega 20,6 millóns de euros dentro dun investimento global de 45 millóns, que tamén inclúe actuacións de Adif e do Concello da Coruña. Esta infraestrutura enmárcase no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea a través dos fondos Next Generation EU.
A Xunta está a executar a nova estación de autobuses, o aparcadoiro de vehículos e os elementos comúns que conectan a estación de autobuses coa ferroviaria, cuxa remodelación corresponde a Adif. Os accesos desde as avenidas da Sardiñeira e do Ferrocarril serán responsabilidade do Concello coruñés.
Na estación de autobuses están rematando a rampla de acceso ás dársenas da Avenida da Sardiñeira. No edificio da terminal xa está instalada a fachada interior e a cuberta exterior do panel sándwich, e en breve comezará a colocación do muro cortina e os acabados interiores. Na zona das dársenas está a piques de finalizarse a estrutura tridimensional da cuberta para iniciar a súa envolvente. Diego Calvo indicou que a envolvente estará rematada este verán, mentres se avanza no interior e nos acabados.
No edificio de elementos comúns, despois de rematar o destinado aos traballadores da estación ferroviaria, este xa foi entregado a Adif en xuño. En canto ao aparcadoiro, finalizáronse os traballos do muro da Avenida da Sardiñeira, cimentacións, piares e lousa de aparcamento e dársenas, estando en uso unha zona provisional. Actualmente están a rematarse as instalacións e urbanización da rampa de acceso ao aparcadoiro definitivo, tamén con previsión de remate este verán.
A estación de autobuses, os elementos comúns e o aparcadoiro suman unha superficie útil superior a 29.600 metros cadrados, cun edificio de viaxeiros de 1.800 metros cadrados distribuído en dous niveis. No nivel superior, ao que se accede pola Avenida da Sardiñeira, sitúase a estación con 20 dársenas de operación e 23 de regulación, ademais da pasarela peonil que conecta coas dúas estacións e coa Avenida do Ferrocarril. O aparcadoiro está no nivel inferior e terá 566 prazas.
Ademais, a Xunta destina outros 13,7 millóns á intermodal de Lugo, cun investimento total de 49,3 millóns, onde tamén avanzan as obras. O aparcadoiro de Lugo, con 240 prazas, prevese listo a finais deste ano e a estación de autobuses para finais do seguinte. O conselleiro reiterou o compromiso firme do Goberno galego coa intermodalidade, como amosan as estacións xa inauguradas en Ourense, Pontevedra, Vigo e Santiago de Compostela, e instou a Adif a desbloquear o convenio para iniciar proxectos en Ferrol, cidade que aínda non conta con esta infraestrutura.