A escritora Marta Villar presenta o seu premiado 'Detective Ferruchi' o martes 3 de decembro en Santa Cruz
O vindeiro martes 3 de decembro, ás 19:30 horas, o Teatro das Torres de Santa Cruz acollerá a presentación de Detective Ferruchi, a novela de Marta Villar que este ano se fixo co prestixioso Premio Xerais de Novela. No acto participarán, ademais da autora, o cantautor Paris Joel e o concelleiro de Comunicación do Concello de Oleiros, Pablo Cibeira.
Detective Ferruchi é unha novela coral, cargada de humor e intriga, que emprega un ton irónico e directo para manter a atención do lector ata o final. A obra destacou entre as finalistas na 61ª edición do Premio Xerais, un dos galardóns literarios máis relevantes de Galicia.
Marta Villar, nacida en Malpica de Bergantiños no ano 1973, é unha xornalista e escritora recoñecida. No ano 2020, foi galardoada co Premio Tiflos de Xornalismo e resultou finalista no XLI Premio Julio Camba de Afundación. Tamén obtivo recoñecementos en certames de microrrelatos da Real Academia Galega e PuntoGal, así como no Premio de Poesía Gloria Fuertes, en Sevilla.
A súa traxectoria literaria comezou no ano 2023 coa publicación de Non temerás os coches amarelos (Xerais), a súa primeira novela. Este ano, ademais de gañar o Premio Xerais, debutou na literatura infantil con Os peidos máxicos de Sultán, tamén publicada por Xerais.
A presentación do martes será un evento cultural destacado en Oleiros, no que literatura e música se unirán para celebrar a obra dunha das voces emerxentes das letras galegas.