A escritora cullerdense Mayte Corbillón presenta a súa nova novela en O Burgo

A Sala de Vídeo do Edificio de Servizos Múltiples de O Burgo converterase este xoves, 24 de abril, nun punto de encontro coa literatura. A escritora e veciña de Culleredo Mayte Corbillón García, coñecida no ámbito literario como Pluma de Tojo, presentará a súa nova novela La bestia del silencio, unha obra que promete mergullar ao lector nun relato de suspense e emoción contido.
O acto, que dará comezo ás 20.00 horas, será de acceso libre e gratuíto, sen necesidade de inscrición previa. Xunto á autora participará tamén María Daviña Conde, avogada e condutora do evento, quen acompañará a Corbillón nesta posta de longo da súa obra diante do público.
La bestia del silencio é a primeira novela que Mayte Corbillón asina como Pluma de Tojo, un pseudónimo que evoca a terra e a identidade galega, e co que busca consolidarse como nova voz no panorama literario. A presentación ofrecerá unha oportunidade para coñecer de primeira man a traxectoria da autora, os procesos creativos detrás da obra e as claves dun relato que promete non deixar indiferente.
Desde o Concello de Culleredo animan á cidadanía a asistir ao evento, que forma parte da programación cultural municipal e que supón un recoñecemento ao talento local.