A Escola Oficial de Idiomas da Coruña celebra o seu 50 aniversario
A Escola Oficial de Idiomas da cidade da Coruña celebrou este mércores un acto de celebración do seu 50 aniversario na súa sede da rúa Educación. Ao evento acudiu a alcaldesa, Inés Rey, quen agradeceu á súa directora, Susana Aldao, e ao equipo docente formado por 75 profesores e profesoras, o seu labor nunha institución pioneira a nivel galego e na que hai máis de 5.000 persoas matriculadas no actual curso.
A edil rememorou a orixe deste centro, nas aulas do instituto Ramón Menéndez Pidal de Zalaeta. “Para derrubar os muros que separan as diferentes culturas é imprescindible a lingua, e por iso é tan imprescindible contar cunha institución pioneira como esta, que leva 50 anos abrindo novos camiños aos coruñeses e coruñesas”, indicou a rexedora.
Inés Rey destacou a importancia da educación pública como base para que A Coruña siga sendo unha cidade líder e referente a nivel galego e nacional. “O meu goberno municipal ten un profundo compromiso coa educación de calidade, dando a cara e dialogando diariamente coa nosa comunidade e chegando, incluso, máis alá das nosas competencias”, indicou.