A Escola Municipal de Música de Abegondo celebra unha semana de audicións abertas

A Escola Municipal de Música de Abegondo está a vivir unha semana moi especial coas súas audicións abertas, unha iniciativa anual que permite dar a coñecer o seu labor entre a veciñanza do municipio.
As aulas da súa sede en O Salón énchense para escoitar ao alumnado interpretar as súas especialidades musicais. Ademais, o profesorado tamén participa, ofrecendo información sobre os instrumentos, explicando o seu proceso de fabricación e compartindo curiosidades sobre eles.
A última xornada será mañá, xoves 20 de marzo, con dúas sesións previstas ás 19.00 e ás 20.00 horas. O acceso será libre para todas as persoas interesadas.
O obxectivo principal destas audicións abertas é divulgar o traballo que se realiza na Escola, onde participan grupos de nenos, mozos e tamén adultos. A gaita, a frauta, o violonchelo, a trompeta, a guitarra española, a guitarra eléctrica, o piano, a batería, o xilófono e o clarinete son algúns dos instrumentos protagonistas, sen esquecer a interpretación vocal, unha disciplina moi presente no programa.
O Concello de Abegondo anima á veciñanza a sumarse á Escola Municipal de Música, un proxecto consolidado que leva anos promovendo o desenvolvemento das habilidades artísticas e musicais no municipio.