A Escola Municipal de Música da Coruña abre a preinscrición para o curso 2025-2026

A Escola Municipal de Música (EMM) da Coruña ten xa en marcha os preparativos para o próximo curso 2025-2026. Logo de pechar o proceso de renovación de matrícula do alumnado actual, ábrese o prazo de preinscrición para as novas prazas dispoñibles. En total, ofértase unha bolsa de case 200 prazas, a maior parte delas dirixidas a nenas e nenos de entre 4 e 7 anos.
O concelleiro de Cultura e Turismo, Gonzalo Castro, destacou o labor interxeracional que se desenvolve na EMM, un proxecto educativo iniciado no ano 1998 que, tras máis de 25 anos de traxectoria, ofrece formación musical e artística desde os 4 anos e sen límite de idade. “É unha escola aberta a toda a veciñanza, independentemente da idade, e iso é un valor que cómpre poñer en valor”, subliñou.
Neste mesmo sentido, a directora da Escola, Elena Umbría, salientou que a convivencia de xeracións distintas nas aulas ten un impacto moi positivo. “A mestura de rapazada con persoas de máis idade contaxia ilusión e promove valores comúns. Axuda a cumprir coa filosofía da Escola: integrar a música en toda a sociedade”, explicou.
Esta dimensión social da música xa se vén reflectindo nas actividades desenvolvidas polo alumnado durante o último curso, con actuacións en residencias de maiores, centros cívicos municipais e mesmo con pacientes oncolóxicos. “Queremos que a música sexa unha ferramenta social, e esa liña de traballo manterase tamén no curso que vén”, confirmou Umbría.
O prazo de preinscrición estará aberto desde o luns 19 ata o venres 23 de maio, e realizarase por vía dixital. A listaxe de persoas admitidas publicarase o 2 de xuño, e a partir desa data abrirase o prazo para formalizar a matrícula, que se estenderá ata o 6 de xuño.
As persoas interesadas poden solicitar máis información nas instalacións da Escola, situadas na rúa da Torre, 67, ou a través do teléfono 981 226 752.