A Escola de Música convida a descubrir as familias instrumentais con 'Cosmonautas do Sonido'


A Escola de Música de Arteixo subirá este sábado ao escenario do Centro Cívico Cultural Manuel Murguía co concerto didáctico 'Cosmonautas do Sonido', unha proposta dirixida a todos os públicos que combina música e divulgación para presentar dun xeito ameno as distintas familias instrumentais. A cita está fixada para as 13.00 horas e as entradas poden recollerse na propia Escola de Música.
A actividade propón unha viaxe sonora guiada por dous astronautas, un fío narrativo co que o alumnado e o profesorado achegarán ao público as posibilidades de cada instrumento. O obxectivo do espectáculo é que os asistentes coñezan de preto a oferta formativa da escola municipal e poidan identificar os instrumentos que forman parte do seu ensino.
O concerto encaixa na liña de actividades de difusión da música impulsadas polo Concello, que inclúe a Escola de Música entre os seus servizos municipais. Con esta iniciativa, Arteixo busca abrir as portas da formación musical á veciñanza e converter o concerto nun escaparate do traballo que se desenvolve ao longo do curso.