A entrega dos premios do Deporte da Deputación terá lugar no Teatro Colón

O xurado da III edición dos premios do Deporte convocados pola Deputación da Coruña reuniuse na súa sede. Trátase dunha iniciativa coa que se pretende recoñecer a actividade e traxectoria dos deportistas e entidades máis destacadas da provincia.
O xurado está presidido polo deputado de Deportes, Antonio Leira, e integrado por profesionais de referencia no eido da información como Paulo Alonso, xefe de Deportes de La Voz de Galicia, Fran Hermida, xefe de Deportes de Radio Coruña SER, Leticia Chas, xornalista de COPE Galicia, Susana López, xornalista de El Correo, e Miriam Tembrás, xornalista de Diario de Ferrol.
O fallo do xurado darase a coñecer na Gala do Deporte que a Deputación organiza o vindeiro 14 de marzo no Teatro Colón da cidade herculina, e que contará coa presenza de representantes de centos de clubs e persoeiros do ámbito deportivo da provincia.
Este ano establécense quince categorías de premios: Mellor deportista masculino, Mellor deportista feminina, Mellor deportista veterano masculino, Mellor deportista veterana feminina, Mellor deportista promesa masculino categoría base, Mellor deportista promesa feminina categoría base, Mellor deportista con diversidade funcional masculino, Mellor deportista con diversidade funcional feminina, Mellor adestrador/a, Mellor árbitro/a ou xuíz/a, Mellor entidade colaboradora ou patrocinadora, Mellor evento deportivo, Mellor entidade na promoción e fomento do deporte de base, Mellor entidade na promoción e fomento do deporte inclusivo, e o Premio a toda unha vida dedicada ao deporte.
Ademais das quince categorías, o xurado poderá recoñecer a título individual ou colectivo a aquelas persoas ou entidades que levasen a cabo unha labor ou desenvolvesen unha actuación no ámbito do deporte digna de ser destacada a nivel provincial.