A enseada do Orzán acolle esta fin de semana a Bandeira Teresa Herrera, que pechará o calendario da Liga Galega de Traiñeiras
Esta fin de semana, a enseada do Orzán será o escenario da última proba da Liga Galega de Traiñeiras, coa celebración da Bandeira Teresa Herrera en categoría masculina e feminina. O Concello da Coruña colabora coa Liga Galega de Traiñeiras (LGT) na organización deste evento, que reunirá un total de 22 embarcacións entre as xornadas de sábado e domingo.
O concelleiro de Deportes, Manuel Vázquez, e o vicepresidente da Asociación Liga Noroeste, Federico Díaz, subliñaron a relevancia desta regata, unha das máis antigas e prestixiosas do calendario deportivo de traiñeiras, que comezou en 1986.
O sábado, realizaranse as roldas clasificatorias das regatas: a oitava para a bandeira Teresa Herrera feminina e a trinta e oito para a masculina. O domingo terá lugar a xornada final, na que as dez mellores embarcacións masculinas e as cinco mellores femininas do sábado competirán por acadar a vitoria final.
Na categoría masculina participarán embarcacións como a SD Samertolameu, CR Ares, SD Tirán-Pereira, CM Castropol, e CR Chapela-Wofco, entre outras. Na categoría feminina, competirán o CR Chapela-Wofco, Mugardos-A Cabana, CR Rianxo, Cesantes-Amegrove-Cefycal, e CR Salgado-Perillo, entre outros.
Os horarios previstos para a competición son os seguintes: o sábado, ás 17.30 horas, terá lugar a regata de clasificación feminina, seguida pola masculina desde as 18.00 horas ata as 19.30 horas. O domingo, a xornada comezará coa ofrenda á xente do mar ás 11.20 horas. A regata feminina dará comezo ás 11.30 horas e a masculina ás 12.00 horas. A entrega de premios e galardóns terá lugar ás 13.00 horas na Finca dos Mariño.
As regatas serán retransmitidas en directo a través de www.agalega.gal e tamén serán emitidas en diferido ás 18.00 horas na canle TVG2.