A DXT promove unha campaña de control sobre o uso do cinto de seguridade na provincia

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, destacou que o uso correcto dos sistemas de retención podería ter evitado tres mortes nas estradas coruñesas o pasado ano. Así o manifestou durante a presentación da campaña especial de control e vixilancia sobre o uso do cinto de seguridade e dos sistemas de retención infantil (SRI), promovida pola Dirección Xeral de Tráfico co apoio da Garda Civil de Tráfico e as policías municipais dos concellos adheridos. A iniciativa desenvolverase desde hoxe ata o domingo 16 de marzo.
María Rivas, acompañada pola xefa provincial de Tráfico, Victoria Gómez, e o xefe do subsector de Tráfico da Garda Civil na Coruña, José Corral, subliñou que das 18 persoas falecidas en accidentes de turismo na provincia durante 2024, tres non levaban posto o cinto de seguridade. "Aínda que os datos melloran respecto a 2023, cando case a metade das vítimas mortais non facía uso do cinto, aínda queda traballo por diante. A única cifra tolerable é a de cero mortes, sobre todo cando se poden evitar cun xesto tan sinxelo como abrochar o cinto", sinalou.
A subdelegada destacou que non levar posto o cinto de seguridade, xunto co exceso de velocidade e a condución baixo os efectos do alcol, é un dos principais factores de risco na estrada. Ademais, lembrou que o uso do cinto reduce á metade o risco de falecemento en caso de accidente e nun 77 % en caso de envorco do vehículo.
A campaña de vixilancia incluirá un aumento significativo dos controis por parte da Agrupación de Tráfico da Garda Civil e das policías municipais, que velarán polo cumprimento da normativa e pola seguridade de todos os ocupantes dos vehículos.
A CAMPAÑA PASADA
Na campaña do ano pasado, controláronse 13.762 turismos na provincia da Coruña, dos cales 250 foron denunciados por non facer uso do cinto de seguridade. En total, realizáronse 15.422 controis en diferentes tipos de vehículos, incluíndo autobuses, taxis e vehículos de mercadorías, que se saldaron con 329 infractores sancionados.
María Rivas insistiu na importancia de campañas como esta para concienciar á cidadanía, lembrando que "o cinto de seguridade é o salvavidas co que contamos en canto subimos a un automóbil, e toda insistencia é pouca cando se trata de frear o número de mortes nas nosas estradas".