A DXT intensifica os controis de velocidade na provincia nunha nova campaña de seguridade viaria

ACoruñaXa
Segundo os datos da campaña do pasado ano, na provincia realizáronse controis sobre 54.404 vehículos
Trafico-maria-rivas
4 Aug 2025

A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, lanzou este un chamamento á responsabilidade nas estradas coincidindo co inicio dunha nova campaña especial de control da velocidade impulsada pola Dirección Xeral de Tráfico (DXT), que se desenvolverá ata o domingo 10 de agosto na provincia e no conxunto do Estado.

Rivas participou nun control da Garda Civil de Tráfico xunto ao comandante de Tráfico, José Ángel Corral Segade, e a xefa provincial de Tráfico da Coruña e coordinadora da DXT en Galicia, Victoria Gómez Dobarro. Desde alí, alertou da importancia de moderar a velocidade e insistiu en que “a velocidade excesiva segue a ser unha das principais causas de sinistralidade, e é totalmente evitable”.

Segundo os datos da campaña realizada o pasado ano, entre o 15 e o 21 de xullo, controláronse en Galicia 127.445 vehículos, dos que 6.586 foron denunciados. Na provincia da Coruña realizáronse controis sobre 54.404 vehículos, con 1.742 denuncias formuladas. “Son cifras que amosan que, a pesar dos esforzos e da vixilancia, aínda queda moito por facer. Por iso, queremos facer un chamamento firme á prudencia”, subliñou Rivas.

A subdelegada tamén apelou á reflexión con datos contundentes: “A partir de 80 km/h é practicamente imposible que unha persoa sobreviva a un atropelo, mentres que a 30 km/h o risco de morte redúcese ao 5 %”.

Durante esta campaña intensificaranse os controis en toda a provincia, contando cun operativo de 150 axentes e con todos os medios humanos e materiais dispoñibles. Rivas aproveitou para recoñecer e agradecer o traballo do persoal técnico e da Garda Civil de Tráfico, remarcando o compromiso do Goberno coa loita contra a sinistralidade viaria.

Nun contexto no que arredor do 60 % dos condutores en España admite circular por riba do límite en estradas convencionais, preto do 50 % en zonas urbanas e máis do 60 % en autovías e autoestradas, a subdelegada reafirmou que o obxectivo segue sendo reducir ao máximo o número de accidentes relacionados coa velocidade.

⚙ Configurar cookies
0.18098711967468