A doutora Gemma Rojo, da UDC, gaña o Premio ANCI 2024 pola súa tese sobre formigón sostible

ACoruñaXa
Un galardón que distingue anualmente as mellores investigacións no ámbito da enxeñaría civil
premio-udc
20 Mar 2025

A doutora en Enxeñaría de Camiños, Canais e Portos da Universidade da Coruña (UDC), Gemma Rojo, foi recoñecida co "Premio ANCI 2024 a Tesis Doctorales", un galardón que distingue anualmente as mellores investigacións no ámbito da enxeñaría civil. A súa tese, titulada 'Investigación e novas técnicas intelixentes na caracterización do formigón autocompactante con residuos industriais e fibras para aumentar a súa sustentabilidade e vida útil', destacou pola súa contribución á innovación e á mellora da eficiencia no sector da construción.

A entrega do premio celebrouse no Museo Nacional Thyssen-Bornemisza de Madrid, nun acto presidido polo ministro de Transportes e Mobilidade Sustentable, Óscar Puente, e que contou coa presenza de representantes institucionais, autoridades académicas e directivos das principais empresas do sector. Ademais, nesta edición outorgouse un accésit ao doutor Rafael Ruiz, da Universidade Politécnica de Madrid, pola súa tese sobre vigas de formigón reforzado con fibras de alto rendemento para pontes de estrada.

Durante o evento, o ministro subliñou o papel fundamental da enxeñaría e da construción no desenvolvemento de infraestruturas máis resilientes ante os efectos do cambio climático. Nese sentido, destacou que a tese de Gemma Rojo "abre novos camiños para a economía circular na construción e contribúe a mellorar a resiliencia das nosas infraestruturas".

A investigación premiada céntrase na aplicación da intelixencia artificial e o uso de materiais innovadores para optimizar as propiedades do formigón autocompactante, incorporando residuos industriais e fibras de reforzo que aumentan a súa durabilidade e reducen o impacto ambiental. Este traballo enmárcase no compromiso da UDC coa investigación aplicada e a transferencia tecnolóxica, impulsando o desenvolvemento de materiais máis sostibles para a obra pública.

Gemma Rojo expresou o seu agradecemento polo recoñecemento e salientou a necesidade de seguir apostando pola innovación no sector da construción para crear infraestruturas máis sostibles e adaptadas aos desafíos ambientais do presente e do futuro.

0.15743398666382