A Domus será o escenario da final de 'Ciencia Calidade', o certame galego de monólogos científicos con humor

A Coruña volverá situarse como referencia da divulgación científica en galego coa final do certame 'Ciencia Calidade', que se celebrará o sábado 8 de novembro ás 18.30 horas na Domus. Trátase dun concurso de monólogos científicos no que as participantes e os participantes dispoñen de ata tres minutos para defender en directo unha peza propia que mestura rigor científico con humor, emoción e posta en escena.
'Ciencia Calidade' está promovido polas divulgadoras Andrea Muras e Eva Cabanelas, conta co apoio da Asociación Galega de Comunicación de Cultura Científica e Tecnolóxica (divulgACCIÓN) e coa colaboración do Concello da Coruña. A iniciativa reivindica a ciencia feita aquí e contada en galego, apostando por formatos próximos e participativos.
A final poderá verse de balde mediante invitación, que está dispoñible para descarga baixo o nome 'Ciencia Calidade 2025 (IV edición)'. O obxectivo é aproximar ao público xeral conceptos científicos de maneira accesible, entretida e emocional, reforzando ao mesmo tempo a presenza da lingua galega nos ámbitos tecnolóxicos e de investigación.
'O apoio a proxectos como Ciencia Calidade encaixa no noso modelo de cidade: aberta, creativa e con vocación divulgadora', sinalou o concelleiro de Cultura, Gonzalo Castro, quen destacou que A Coruña aposta pola ciencia, pola cultura e pola lingua.
Segundo o Goberno local, esta final é tamén unha forma de visibilizar talento galego, fomentar a curiosidade científica entre públicos diversos e consolidar a cultura científica como parte da identidade da cidade.