A Domus acollerá o XV Premio Andrés Gaos de Composición musical

ACoruñaXa
O concurso celebrado cada dous anos pola Deputación celebrará unha velada conducida pola actriz Chus Álvarez e que premiará o talento dos compositores coruñeses
PREMIO ANDRÉS GAOS
8 Feb 2024

O vindeiro 15 de febreiro farase pública a resolución do XV Premio Andrés Gaos de composición musical, convocado cada dous anos pola Deputación Coruña para recoñecer a figura do compositor coruñés e apoiar a creación no eido da música contemporánea e comisariado polo compositor Hugo Gómez Chao.

O acto será no Museo Domus da Coruña, durante unha velada presentada pola actriz Chus Álvarez e na que a formación galega Arxis Esemble, dirixida por Aitor Vázquez, ofrecerá, ás 19.30 horas, un concerto cuxo repertorio inclúe pezas de catro membros do xurado do certame mais a estrea en Galicia de dúas partituras de Clara Iannotta e Salvatore Sciarrino. Ao remate do recital coñecerase o gañador do concurso. As entradas para o concerto son de balde e poden retirarse na páxina web de Ataquilla.

Antes das actuacións, ás 19.oo horas, celebrarase un encontro do público co xurado e co comisario do certame e director artístico de Arxis Esemble, o compositor Hugo Gómez-Chao Porta, no que tamén participarán José Trigueros e Andrés Lacasa, director e xerente da Orquestra Sinfónica de Galicia. Ademais, a OSG compartirá, ese mesmo día e mais o anterior, dúas sesións de traballo coas tres persoas finalistas este ano do Andreś Gaos.

O gañador recibirá 6.500 euros (a repartir, no caso de que o galardón sexa concedido ex aequo), e a Deputación poderá producir e estrear a obra ou obras premiadas. A deputada de Cultura, Natividade González, presidirá o xurado, formado pola catedrática de Música e investigadora Rosa María Fernández García e pola compositora e compositores Raquel García, Jacobo Gaspar, Miguel Matamoro e Wladimir Rosinskij.

O comité avaliador deberá decidir entre as tres obras seleccionadas como finalistas: 'Avnios' (presentada co lema Hidacio), 'Lines' (de Replicant) e 'SYZYGY' (de Alignment of celestial bodies). Os gañadores nas anteriores edicións do Premio Andrés Gaos foron 'In the distance', de Ramón Humet Cordech, en 2021; 'Vía', de Álvaro Núñez Carbullanca, en 2019; e 'Daivat', de Mario Carro Gigosos, en 2017.

Programa

  • Il colore dell' ombra (2010), de Clara Iannotta. Para piano, violín e cello.
  • Rumor líquido (2013-14), de Jacobo Gaspar. Para ensemble.
  • Alice’s Adventures in Wonderland (2014), de Raquel García-Tomás. Para piano, vídeo e electrónica.
  • Momento absurdo (2003), de Wladimir Rosinskij. Ppara violín e cello.
  • Sottogrido (2019), de Miguel Matamoro. Para ensemble.
  • Lo Spazio Inverso (1985), de Salvatore Sciarrino. Para ensemble.
0.16799592971802