A Domus acollerá o 23 de xullo o IV Simposio Julio Palacios: 'Ciencias do Cosmos', coa participación da UDC

ACoruñaXa
Con entrada gratuíta, este encontro pretende propoñer unha introspectiva a estas ciencias a través dun completo e variado programa composto por 8 relatorios
Imaxe do cartel de Ciencias del cosmos na Coruña
5 Xul 2024

O museo Domus da Coruña acollerá o vindeiro martes 23 de xullo o IV Simposio Julio Palacios, un encontro divulgativo sobre as “Ciencias do Cosmos” organizado pola Fundación Ramón Areces, a Cátedra Julio Palacios do CSIC, a UIMP e a Universidade da Coruña.

O Simposio Julio Palacios celébrase na cidade da Coruña, cunha periodicidade bianual, desde o ano 2016; a excepción do ano 2020, cando a pandemia da Covid-19 impediu a súa organización. O evento terá lugar na sala Leonardo do museo Domus e será de acceso gratuíto ao público, previa inscrición, ata completar o aforo (120 persoas).

O evento contará coa participación de destacados profesionais dos ámbitos científico e académico, expertas e expertos nas Ciencias do Espazo, que abordarán diversas cuestións relacionadas coa temática espacial coa finalidade de poder dar resposta aos grandes enigmas do Universo.
Ciencias do Espazo

As Ciencias do Espazo abarcan unha serie de campos de investigación multidisciplinar, entre os que destacan a astronomía observacional (terrestre e espacial), a astrobioloxía, a astrofísica, a astroxeoloxía, as ciencias planetarias e a cosmoloxía, entre outras. Aínda que a posibilidade dunha viaxe interestelar á estrela máis próxima ao noso Sistema Solar aínda é unha entelequia, as ciencias do espazo contan coa posibilidade de detectar exo-planetas (planetas que orbitan ao redor dunha estrela fóra do noso Sistema Solar), estudar as moléculas do espazo interestelar, así como os espectros e a orixe de obxectos astronómicos para estudar a súa composición.

A cosmoloxía é a rama da astronomía que estuda o universo en conxunto e a súa orixe, de cuxo estudo se orixinan fascinantes incógnitas como son a materia escura e a enerxía escura.

O IV Simposio Julio Palacios pretende propoñer unha introspectiva a estas ciencias a través dun completo e variado programa composto por 8 relatorios de 45 minutos de duración, repartidos entre dúas quendas de 4 conferencias por sesión (mañá e tarde).

Conferencias e ponentes

En concreto, as intervencións tratarán sobre “Unha visión moderna da Cosmoloxía: da orixe do Universo á formación de galaxias, estrelas e planetas”, “CTAO: o futuro da Astrofísica de altas enerxías”, “Astrofísica molecular e a complexidade química do Universo”, “A busca de vida noutros mundos”, “O ceo nocturno: destinos Starlight e observación do Cosmos”, “Gaia: o primeiro censo de estrelas da Vía Láctea en 6 dimensións”, “Miradas diversas ao ceo. Que, como e por que o observamos” e “A busca de planetas similares á Terra e vida máis alá do Sistema Solar”.

En canto ás persoas encargadas de impartir estas charlas, serán respectivamente: Juan García Bellido, membro do Instituto de Física Teórica (centro mixto do CSIC e a Universidade Autónoma de Madrid); Alba Fernández Barrral, directora de Comunicación do Observatorio CTAO (a rede internacional de telescopios Chernkov); José Cernicharo, integrante do Instituto de Física Fundamental do CSIC; Esther Lázaro, pertencente ao Centro de Astrobioloxía do CSIC e o Instituto Nacional de Técnica Aeroespacial (INTA); Óscar Blanco, membro da Agrupación Astronómica Coruñesa ÍO; Minia Manteiga, catedrática da Área de Astronomía e Astrofísica da UDC; Andrea Rodríguez-Antón, integrante do Instituto de Ciencias do Patrimonio do CSIC; e Guillem Anglada-Escudé, do Instituto do Instituto de Ciencias do Patrimonio, tamén do CSIC.

 

20240705 cartel Simposio CC. do Cosmos vertical
0.17369294166565