A deputada Sol Agra pecha no CEIP María Pita a rolda de visitas aos gañadores do Premio Concepción Arenal

A deputada de Igualdade da Deputación da Coruña, Sol Agra, visitou o CEIP María Pita para seguir de preto o desenvolvemento de 'Un mar de arco iris', un dos proxectos distinguidos no XII Premio Concepción Arenal para iniciativas educativas pola igualdade de xénero, na categoría de educación infantil.
Con esta parada no centro coruñés, Agra completou a rolda de encontros cos tres colexios e institutos recoñecidos na última edición do certame provincial. Nas últimas semanas achegouse tamén ao CEIP de Outes, premiado por 'Tecendo Saberes', e ao IES Arcebispo Xelmírez I de Santiago, galardoado pola proposta 'Patio para ti e para tods*'.
Durante a visita ao CEIP María Pita, a deputada puxo o foco na importancia de introducir desde idades temperás valores de igualdade e respecto á diversidade, de maneira transversal no día a día escolar. 'Este tipo de iniciativas contribúen a construír centros educativos máis xustos, inclusivos e igualitarios', sinalou.
O proxecto 'Un mar de arco iris', actualmente en execución na etapa de infantil, aposta por actividades creativas e emocionais que implican alumnado, profesorado e familias. A proposta organízase en itinerarios por cores para abordar cuestións como a identidade de xénero, a corresponsabilidade, a prevención das violencias, a visibilización das mulleres e das masculinidades diversas, ademais da afectividade e da educación sexual desde unha perspectiva inclusiva.
A convocatoria do XII Premio Concepción Arenal, impulsada pola Deputación da Coruña, busca recoñecer e apoiar experiencias educativas que avancen cara a unha igualdade real nos centros da provincia. Cada un dos proxectos premiados recibiu 5.000 euros para contribuír ao seu desenvolvemento.