A Deputación reúne en Mariñán aos Servizos Sociais dos 93 concellos para abordar o envellecemento e a soidade non desexada

ACoruñaXa
O I Encontro Provincial terá lugar este venres 7 de novembro no Pazo de Mariñán, en Bergondo, con relatorios de especialistas, intercambio de boas prácticas e obradoiros prácticos
BERGONDO deputacion soidade
5 Nov 2025

A Deputación da Coruña celebrará este venres, 7 de novembro, no Pazo de Mariñán (Bergondo) o I Encontro Provincial dos Servizos Sociais Comunitarios, unha xornada de traballo que reunirá a responsables políticos e técnicos dos servizos sociais dos 93 concellos da provincia. O obxectivo é reforzar a cooperación institucional e compartir experiencias nun ámbito clave para o benestar cidadán, cun foco específico no envellecemento e na soidade non desexada, nun territorio no que a poboación maior de 65 anos supera xa o 25 %.

O encontro abrirase ás 9.30 horas co presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e coa deputada de Política Social, Mar García Vidal, quen subliñou que 'a coordinación entre concellos é esencial para avanzar en políticas de coidado, acompañamento e prevención da soidade, fortalecendo a rede comunitaria e a atención de proximidade'.

A programación inclúe tres relatorios principais a cargo de especialistas de referencia. O xerontólogo Javier Yanguas, director científico do Programa de Maiores da Fundación 'La Caixa', abordará 'o proceso de envellecemento e as distintas etapas da vellez'. A continuación intervirá a experta Lourdes Bermejo, doutora en Ciencias da Educación e asesora en políticas de coidado, cunha charla sobre unha 'metodoloxía de intervención baseada no acompañamento respectuoso e a innovación social'. A sesión da mañá completarase cunha ponencia de Nova Works Consulting, cooperativa galega especializada en innovación social, centrada na análise e abordaxe da soidade non desexada.

Tras os relatorios, haberá un panel de experiencias municipais no que distintos concellos presentarán proxectos pioneiros de envellecemento activo e acompañamento comunitario. O equipo técnico da Deputación explicará, ademais, as liñas provinciais de actuación nesta materia. Xa pola tarde, o programa continuará con dous obradoiros prácticos simultáneos orientados a dotar ás e aos profesionais municipais de ferramentas para deseñar proxectos de envellecemento activo e elaborar guías de recursos contra a soidade.

O I Encontro Provincial dos Servizos Sociais Comunitarios nace coa vontade de consolidarse como espazo anual de formación, reflexión e coordinación entre os servizos sociais municipais, reforzando o papel da Deputación da Coruña como apoio técnico e institucional na prestación de servizos de proximidade e na promoción do benestar das persoas maiores.

⚙ Configurar cookies
0.083698987960815