A Deputación reúne ás 20 iniciativas gañadoras do I Fondo de apoio a proxectos culturais singulares

O Pazo Provincial da Deputación da Coruña acolleu esta mañá un encontro coa vintena de iniciativas premiadas no marco do I Fondo de apoio a proxectos culturais singulares para a mellora social, unha convocatoria pioneira impulsada pola área de Cultura para fomentar a cultura en galego como ferramenta de transformación e cohesión social.
O acto comezou coa intervención da deputada de Cultura, Natividade González, que destacou que “cremos firmemente no valor da cultura como motor de cohesión social, de identidade, innovación e de transformación da sociedade”. Segundo explicou, este novo fondo nace coa vontade de apoiar propostas diversas impulsadas por colectivos moi comprometidos co territorio.
A presentación técnica correu a cargo de Manuela Lorenzo, xefa da Sección de Cultura e Deportes. A continuación, as persoas representantes dos proxectos gañadores expuxeron brevemente as súas iniciativas.
Os proxectos seleccionados recibirán achegas económicas de entre 7.500 e 22.500 euros, ata completar unha inversión total de 298.433 euros. O fondo está orientado a apoiar propostas en galego con impacto social en ámbitos como a igualdade, os dereitos civís, a diversidade, o respecto ambiental, a integración, a memoria democrática ou a identidade local.
Durante a xornada, as entidades beneficiarias agradeceron o apoio da Deputación, salientando que “de non ser por este certame, moitos destes proxectos non verían a luz, xa que non teñen unha orientación lucrativa”.
González valorou especialmente a diversidade de formatos e linguaxes das propostas seleccionadas, e destacou que “todos estes proxectos achegarán a cultura a todos os recunchos da provincia e promoverán un impacto positivo na comunidade, impulsando a inclusión, a igualdade, a sostibilidade e o acceso á cultura desde enfoques creativos e comprometidos co territorio”.
-