A Deputación respalda que 'Mulleres Salgadas' teñan representación no Consello Galego de Pesca

ACoruñaXa
O pleno provincial aprobou unha moción do Grupo do PSdeG-PSOE na que se insta á Xunta de Galicia a que lle dea cabida no pleno do organismo para darlles cabida a todos os sectores representativos da pesca e do marisqueo de Galicia
O presidente, Valentín González Formoso, reuniuse esta semana con directivas da entidade para analizar a situación das mulleres no sector
2 Mar 2024

O pleno da Deputación da Coruña este venres 1 de marzo deu o seu apoio na súa sesión ordinaria de á asociación Mulleres Salgadas respecto da súa reivindicación de contar con representación no Consello Galego de Pesca.

A votacion reoslveuse con 15 votos a favor (PSdeG, BNG e Alternativa dos Veciños) e 14 en contra (PP), aprobouse unha moción do Grupo Provincial do PSdeG-PSOE pola que se insta á Consellería do Mar a nomear a unha representante da entidade como vogal do pleno do antedito consello. Dentro deste punto da orde do día, o pleno tamén acordou instar ao mesmo departamento da Xunta de Galicia a iniciar o procedemento para modificar o decreto que regula o Consello Galego de Pesca co fin de darlles cabida nel a todos os sectores representativos da pesca e o marisqueo de Galicia.

O presidente provincial, Valentín González Formoso, e a deputada de Mar, Cristina Capelán, recibiron en días pasados á presidenta da asociación, Dolores Gómez; á secretaria, Sandra Amezaga, e á vogal María Vales para analizar a situación das mulleres do sector marítimo na provincia e en Galicia. Foi nese encontro onde as directivas da entidade solicitaron a axuda da Deputación na súa demanda.

“Hai 1.500 mulleres do mar que non se senten ben representadas no consello. Non entendemos o motivo de deixar fóra a unha parte tan importante do sector”, dixo Formoso hoxe.

O Consello Galego de Pesca é un órgano de participación, consulta e asesoramento que conta cun pleno de 55 membros, no que figuran representantes, entre outros, de confrarías, sindicatos, asociacións e administracións. Pero Mulleres Salgadas, que integra a máis de 1.500 asociadas, non conta con presenza nel, pese a terllo solicitado á Xunta dende hai anos, tal como lle trasladou a Formoso a súa presidenta.

Mulleres Salgadas é a única asociación feminina do sector pesqueiro de ámbito galego. Logo de solicitar en diferentes ocasións de xeito verbal a súa inclusión no consello, formalizou esa petición en maio do 2022. A resposta da Consellería do Mar, explicaron as directivas, foi que xa hai outra entidade que ten outorgada a representación dende a perspectiva de xénero no Consello Galego de Pesca, e que dende o punto de vista social, dita representación está reservada ás dúas organizacións sindicais máis representativas no ámbito autonómico.

 

Porén, tal como detalla a moción presentada polo grupo do PSdeG, o decreto que regula o Consello Galego de Pesca recolle no seu artigo 5 que o pleno do organismo estará composto, entre outros, por seis vogais representantes do sector empresarial, designados pola conselleira ou conselleiro do mar, polo que a inclusión de Mulleres Salgadas  é só “unha cuestión de vontade política”.

 

Mulleres Salgadas engloba todos os oficios e profesións do mar e reivindícase como unha organización feminista. As súas asociadas sono tanto de maneira individual como a través de confrarías, empresas, cooperativas, asociacións do sector ou entidades culturais. Ademais, forma parte de Aktea (rede europea de organizacións de mulleres da pesca).

0.19873309135437