A Deputación reparte máis de medio millón de euros en axudas culturais a cen entidades

ACoruñaXa
As entidades sen ánimo de lucro recibirán axudas cunha contía que vai dos 3.000 aos 13.000 euros
natividad-dep
1 Aug 2025

O Boletín Oficial da Provincia publicou a resolución definitiva do programa FO204, polo que a Deputación da Coruña destina 508.935 euros en subvencións para entidades sen fins de lucro que desenvolverán investimentos culturais ao longo do ano 2025.

En total, serán cen as entidades beneficiarias, que recibirán axudas cunha contía que vai dos 3.000 aos 13.000 euros, en función do tipo de entidade e do proxecto presentado.

O reparto dos fondos é o seguinte:

  • 61 entidades con actividade ordinaria na provincia da Coruña: 317.449 euros
  • 5 entidades con actividade tanto dentro como fóra da provincia: 21.441 euros
  • 8 entidades veciñais e de tempo libre: 33.290 euros
  • 9 entidades socioeducativas: 36.472 euros
  • 4 entidades representativas de sectores profesionais e amadores da cultura galega: 16.444 euros
  • 13 fundacións ou titulares de museos, centros de interpretación ou bibliotecas: 83.836 euros

A deputada de Cultura, Natividade González, destacou a importancia deste investimento para o tecido cultural galego: "Na área de Cultura da Deputación cremos firmemente que investir en cultura é investir no benestar da nosa sociedade. É investir en coñecemento, en creatividade, en cohesión social e en oportunidades. Por iso, seguiremos traballando para facilitar os recursos necesarios que permitan ás nosas entidades culturais seguir medrando e desenvolvendo todo o seu potencial".

Con esta convocatoria, a Deputación reafirma o seu compromiso co apoio á cultura como motor de desenvolvemento social e económico no territorio.

⚙ Configurar cookies
0.18616104125977