A Deputación reparte 81.000 euros entre oito certames culturais
O Boletín Oficial da Provincia publicou este martes a convocatoria de oito dos premios culturais da Deputación da Coruña para este ano: o Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero; o Antonio Fraguas de artesanía; o Castelao de banda deseñada; o Miguel González Garcés de poesía; o Jesús Núñez de arte gráfica; o Luís Ksado de creación fotográfica e o Fran Pérez “Narf” para artistas e grupos musicais. Súmanse ao Rosalía Castro de lingua, cuxo prazo de presentación de candidaturas abriu hai unha semana. Entre todos eles, a institución provincial repartirá 81.000 euros.
VIII Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero
En memoria da xornalista, escritora, activista cultural e feminista galega Begoña Caamaño, e coa finalidade de recoñecer as persoas e iniciativas culturais e artísticas que promoven socialmente a igualdade de xénero desde o campo da cultura, a Deputación convoca a VIII Premio Begoña Caamaño á acción cultural pola igualdade de xénero.
• Dotado con 6.500 euros para o gañador de cada unha das dúas modalidades: traxectoria, que premiará a traxectoria de persoas, colectivos ou entidades comprometidas coa promoción da igualdade de xénero desde o pensamento feminista e desde o campo da cultura; e iniciativa, que premiará iniciativas ou proxectos culturais que incorporen unha perspectiva feminista en todas as actividades e servizos derivados.
• Bases: no BOP do 27 de febreiro.
• Prazo: do 28 de febreiro ao 10 de maio.
XV Certame Antonio Fraguas Fraguas de artesanía
En consideración á importancia que para o desenvolvemento social e cultural ten a atención a aquelas manifestacións artísticas que, como a artesanía, son sinais de identidade dun pobo e ao tempo mostra da vixencia e pulo das tradicións, da súa capacidade innovadora e creativa e do diálogo coa idiosincrasia popular no campo social, cultural e económico, a Deputación convoca o XV Certame Antonio Fraguas Fraguas de artesanía.
• Dotado con 6.500 euros para o gañador de cada unha das dúas modalidades: artesanía tradicional e artesanía contemporánea.
• Bases: no BOP do 27 de febreiro.
• Prazo: do 28 de febreiro ao 20 de maio.
XIX Premio Castelao de banda deseñada
Tendo en conta a significación do colectivo que traballa na creación en banda deseñada en Galicia, considerado o máis importante do panorama estatal, a Deputación, sensible á significación que está a ter este sector da cultura galega, convoca o XIX Premio Castelao de banda deseñada.
• Dotado con 6.500 euros para o gañador de cada unha das dúas modalidades: xeral, para obras dirixidas a todo tipo de lectores, e LIX, para obras dirixidas especificamente ao público lector infantil e xuvenil. A Deputación publicará as obras premiadas.
• Bases: no BOP do 27 de febreiro.
• Prazo: do 28 de febreiro ao 10 de maio.
XVI Concurso Fran Pérez 'Narf'
Coa intención de difundir, apoiar e promover os grupos e artistas musicais das diferentes comarcas e localidades galegas, así coma para lembrar e difundir socialmente a figura e a o obra do músico, compositor para espectáculos musicais e teatrais e dinamizador cultural, que foi o cantante Fran Pérez 'Narf', a Deputación convoca o XVI Concurso Fran Pérez 'Narf'.
• Repartirá 7.500 euros: 4.000 para o gañador, 2.000 para o segundo clasificado e 1.500 para o terceiro clasificado. O grupo ou artista que obteña o primeiro premio formará parte, a maiores, dunha programación específica de apoio á difusión da súa creatividade. Para a súa concreción, a Deputación da Coruña chegará a acordos para a súa inclusión no programa de tres festivais ou eventos culturais de referencia do panorama galego.
• Bases: no BOP do 27 de febreiro.
• Prazo: do 28 de febreiro ao 20 de xuño.
XIX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica
Na liña de apoio á creación artística que leva a cabo a Deputación da Coruña e, en concreto, ao desenvolvemento da arte gráfica, así como, en recoñecemento ao labor realizado pola Fundación Centro Internacional da Estampa Contemporánea de Betanzos e á ampla traxectoria do artista Jesús Núñez, o seu fundador, a Deputación convoca o XIX Premio Internacional Jesús Núñez de arte gráfica.
• O gañador recibirá 6.500 euros e a súa obra incluirase nunha exposición na Fundación CIEC. Concederá tamén dous accésits, consistentes cada un deles nunha bolsa de matrícula dun módulo do Máster de Obra Gráfica impartido pola Fundación CIEC.
• Bases: no BOP do 27 de febreiro.
• Prazo: do 2 de maio ao 5 de xullo.
XVIII Premio Luís Ksado de creación fotográfica
Tendo en conta a significación especial que, para a difusión das artes da imaxe e, especialmente da fotografía, posúe, dende hai tempo a nosa provincia e coa finalidade de contribuír á conservación da memoria de personaxes tan representativas neste campo como foi Luís Ksado, a Deputación convoca o XVIII Premio Luís Ksado de creación fotográfica.
• O gañador recibirá 6.500 euros.
• Bases: no BOP do 27 de febreiro.
• Prazo: do 28 de febreiro ao 31 de maio.
XII Premio Miguel González Garcés de poesía
Dando continuidade ao que xa é unha tradición na convocatoria poética en lingua galega e recollendo tamén o exemplo deste significativo escritor coruñés, a Deputación convoca o XXII Premio Miguel González Garcés de poesía.
• O gañador recibirá 6.500 euros e a Deputación publicará a obra premiada.
• Bases: no BOP do 27 de febreiro.
• Prazo: do 28 de febreiro ao 30 de abril.
XV Premio Rosalía de Castro de lingua
En memoria de Rosalía de Castro, coa fin de recoñecer a promoción e dignificación do noso patrimonio lingüístico de forma desinteresada, a Deputación convoca o XV Premio Rosalía de Castro de lingua.
• Dotado con 5.000 euros para o gañador de cada unha das tres categorías: A, para persoa que máis destaque na promoción da lingua galega de calidade e cunha identidade propia e unhas características xenuínas para empregala en todos os ambientes e con todos os estratos sociais; B, para a entidade que máis destaque na promoción da lingua galega; e C, para o proxecto de dinamización lingüística que realice un traballo específico cos tramos da poboación de menor idade, infancia e mocidade e que atenda espazos emerxentes de uso da lingua co obxectivo de premiar a innovación e o futuro.
• Bases, no BOP do 21 de febreiro.
• Prazo: ata o 30 de abril.