A Deputación renova o seu apoio a Culturgal cunha achega de 48.000 euros

A Deputación da Coruña volveu amosar o seu respaldo a Culturgal coa sinatura dun novo convenio de colaboración económica coa asociación organizadora da feira, considerada unha das principais citas culturais de Galicia. O acordo, formalizado pola deputada de Cultura, Natividade González, e polo representante da Asociación Culturgal, Víctor López, supón unha achega de 48.000 euros para contribuír aos gastos da edición de 2025.
A responsable provincial de Cultura destacou o valor de Culturgal como punto de encontro entre creadoras, profesionais e público, e subliñou que a colaboración institucional busca reforzar proxectos que favorecen a difusión cultural e o acceso da cidadanía á creación galega. A feira volveu pechar a súa última edición cun balance de asistencia destacado, ao superar as 16.000 persoas visitantes no Pazo da Cultura de Pontevedra.
Coa sinatura deste convenio, a Deputación ratifica a súa aposta por unha iniciativa que se ten consolidado como escaparate da diversidade cultural galega e como motor para a industria creativa do país. O apoio económico chega, ademais, nun momento no que Culturgal continúa reforzando a súa proxección e o seu papel como espazo común para os distintos sectores culturais.