A Deputación rende homenaxe ao Hockey Marineda polo seu primeiro gran título

ACoruñaXa
O deputado de Deportes, Antonio Leira, recibiu no Pazo Provincial ás campioas da Copa da Princesa feminina, conquistada tras unha final moi igualada
DEPU CORU hockey marineda
5 Mar 2026

A Deputación da Coruña abriu as portas do salón de plenos do Pazo Provincial para recoñecer o éxito do Hockey Marineda, que vén de proclamarse campión da Copa da Princesa feminina de hóckey a patíns. No acto institucional, celebrado este mércores, o deputado de Deportes, Antonio Leira, compartiu un encontro co cadro coruñés, no que participaron xogadoras, corpo técnico e representantes do club.

Leira trasladou a súa felicitación por un triunfo que supón un fito para a entidade e para o deporte provincial, destacando 'o traballo, o compromiso e o espírito de equipo' que levaron ao Marineda a levantar o primeiro trofeo da súa historia. O equipo coruñés impúxose na final ao Iman Serroukh Alcalá Hockey por 3-2, nun partido decidido por pequenos detalles e con goles de Alejandra Martín, Fernanda Muñoz e Celia Pinacho.

A competición disputouse en Sant Vicent del Raspeig durante a fin de semana do 21 e 22 de febreiro, nun formato que reúne catro conxuntos e concentra, en dous días, a loita polo título.

Durante a recepción, o deputado subliñou tamén a necesidade de seguir reforzando o deporte base e, de maneira especial, o deporte feminino. Na mesma liña, cualificou o éxito do Marineda como un motivo de orgullo para a provincia e un espello no que poden mirarse moitas rapazas que practican deporte nos distintos concellos.

Pola súa banda, as integrantes do club agradeceron o recoñecemento da Deputación e compartiron a satisfacción por un título histórico, co obxectivo de manter a ambición competitiva no tramo decisivo da tempada.

0.1137809753418