A Deputación rende homenaxe a Tespis e reivindica o seu legado no teatro galego

ACoruñaXa
Natividade González destaca no Teatro Colón a compañía como un 'referente da creación teatral durante décadas' e pon en valor o seu papel na defensa do teatro en galego e na renovación escénica en Galiza
DEPU CORU tespis tributo
24 Mar 2026

A Deputación da Coruña celebrou no Teatro Colón unha gala institucional para recoñecer a traxectoria de Tespis, unha das compañías históricas das artes escénicas galegas e fondamente vencellada á institución provincial. O acto reuniu profesionais do sector e persoas ligadas ao grupo nunha homenaxe que serviu para reivindicar a súa pegada cultural e o seu papel na evolución do teatro contemporáneo en Galiza.

Durante a súa intervención, a deputada de Cultura, Natividade González, definiu Tespis como un 'referente da creación teatral durante décadas' e puxo o foco no valor colectivo da súa traxectoria. A responsable provincial salientou que a compañía foi moito máis ca un proxecto artístico, ao converterse tamén nun espazo de encontro, de comunidade e de compromiso coa cultura galega.

González subliñou ademais a forza do teatro como ferramenta social, capaz de emocionar, xerar aprendizaxe e deixar unha fonda pegada vital. Nesa liña, destacou o contexto no que naceu Tespis e lembrou a valentía que supuxo apostar polo teatro en galego nun tempo marcado pola censura. Segundo indicou, a compañía soubo abrir camiños con propostas de vangarda e dar voz a autores silenciados ou obrigados ao exilio.

A gala combinou intervencións institucionais e do ámbito teatral con proxeccións audiovisuais e música en directo, nunha posta en escena deseñada expresamente para a ocasión. Preto de corenta persoas directamente vinculadas á historia de Tespis participaron nun acto que tamén puxo o acento na dimensión humana do grupo, entendido por moitas das persoas que o integraron como unha experiencia vital e mesmo familiar.

O investigador Francisco Oti Ríos, encargado da dirección artística da homenaxe, destacou o simbolismo de celebrar este recoñecemento no Teatro Colón e incidiu na histórica vinculación da cidade coa actividade teatral. Tamén lembrou a capacidade da compañía para desafiar as limitacións da época e consolidar un proxecto comprometido que contou co apoio do público ao longo dos anos.

Fundada por José Redondo Santos e activa entre 1965 e 1984, Tespis deixou unha fonda marca no teatro galego pola súa militancia cultural, pola defensa do uso do galego nos escenarios e polo seu papel como escola para novas xeracións de intérpretes. A súa relevancia foi tal que, na súa etapa de maior proxección, chegou a ser considerada a compañía oficial da Deputación da Coruña.

0.13393712043762