A Deputación reivindica o rol da muller para eliminar a brecha de xénero no deporte
Este xoves pola tarde celebrouse o simposio 'Brecha de xénero no deporte', que a Deputación da Coruña celebrou na Fundación Luís Seoane coa colaboración da Fundación Real Club Deportivo de La Coruña. Ao evento, acudiu o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, que reivindicou a participación das mulleres na toma de decisións dos diferentes estamentos deportivos como medio para eliminar a desigualdade que existe nese ámbito. Tamén interveu a alcaldesa da Coruña, Inés Rey.
O presidente da institución afirmou que, “pese a que a aparición de referentes no deporte feminino e o incremento do número de mulleres na práctica deportiva é constante, non o é a súa participación na toma de decisións”, algo que, ao seu xuízo, implica que “mentres non contemos coa súa perspectiva, será imposible acadar a igualdade”.
Formoso recordou tamén que “a eliminación de estereotipos e roles é un traballo arduo”, pero animou a perseverar, tanto dende as institucións como no plano individual. “Cada un de nós, coma individuos e como parte da sociedade, temos a responsabilidade de contribuír a pechar esa brecha”, asegurou.
“Hai obstáculos na cancha, mais tamén nos despachos”, insistiu, e puxo sobre a mesa datos como que só 3 das 66 federacións deportivas españolas están presididas por mulleres, que unicamente un 24,3 % das licencias son femininas ou que mentres o 98 % dos deportistas profesionais gozan dun contrato a tempo completo, no caso das mulleres esa porcentaxe descende por debaixo do 78 %.
Pola súa banda, a alcaldesa da Coruña, Inés Rey, sinalou que “por desgraza este tipo de xornadas seguen a ser moi necesarias porque as mulleres seguimos atopando moitas máis trabas que os homes, especialmente no campo do deporte”. Rey lembrou que A Coruña é unha cidade de mulleres pioneiras en todos os ámbitos e destacou a Irene González Basanta, primeira porteira galega, na visibilización da muller no fútbol. “Irene desafiou os estereotipos da súa época e cumpriu o seu soño de xogar ao fútbol, sendo hoxe espello para moitas nenas que deixaron de ver no xogo unha barreira converténdose mesmo en campioas mundiais coa selección española”, indicou. A alcaldesa tamén lembrou diversas actuacións postas en marcha polo Concello da Coruña como a equiparación dos trofeos masculino e feminino do Teresa Herrera no seu primeiro mandato, ou a concesión de bolsas deportivas a deportistas individuais, das cales o 50% son concedidas a mulleres.
A xornada, enmarcada nos actos programados pola Deputación con motivo do Día Internacional da Muller, contou como primeira poñente coa xornalista deportiva Claudia López —membro do grupo de investigación sobre Educación, Saúde e Actividade Física (ESAF), de estudos de xénero, da UDC—, que falou sobre “A linguaxe sexista na comunicación deportiva”.
Á súa conferencia seguina unha mesa redonda na queparticiparon a adestradora do DéporAbanca, Irene Ferreras; a campioa de España de xavelina, Carmen Sánchez; a cofundadora e directiva do Hockey Club Coruña femininoMar Barcón; a xogadora do DéporAbanca Lía Muíño; aexxogadora internacional de rugby e directora técnica e vicepresidenta do CRAT A Coruña, Elena Roca, e da directora do xornal deportivo 'As Nosas Deportes - O xornal da muller no deporte en Galicia', Silvia Carregal, que se encargou de moderar o encontro.
Nel abordáronse cuestións como as diferenzas salariais entre mulleres e homes ou a reducida presenza feminina en postos técnicos e directivos, coa consecuente perda de influenza na toma de decisións.