A Deputación reivindica o Circo de Artesáns como símbolo da vida cultural e cívica coruñesa

A Deputación da Coruña puxo en valor a longa traxectoria do Circo de Artesáns como un dos grandes espazos de encontro cultural, social e cívico da cidade durante o acto institucional celebrado este mércores con motivo do 179.º aniversario da histórica entidade coruñesa.
A deputada provincial Avia Veira, que asistiu por delegación da responsábel de Cultura, participou na conmemoración organizada na sede do Circo de Artesáns, onde salientou o papel que esta institución leva desempeñando desde hai case dous séculos na dinamización da vida da Coruña.
No transcurso do acto tamén se recoñeceu a traxectoria do cirurxián coruñés Diego González Rivas, unha figura pioneira no ámbito da cirurxía torácica e cun percorrido profesional que o converteu nun nome de referencia a nivel internacional.
Na súa intervención, Veira destacou o valor dun talento que nace na Coruña e consegue proxectarse no exterior sen romper coas súas orixes. A deputada definiu a González Rivas como 'un exemplo do talento que nace nesta cidade e que, desde aquí, é quen de iluminar o mundo enteiro'.
A representante provincial subliñou ademais a importancia de que referentes internacionais manteñan viva a ligazón coa súa terra. Nese sentido, incidiu en que, nun contexto no que moitas veces parece que o éxito vai unido ao desarraigo, resulta especialmente relevante que figuras como Diego González Rivas continúen vinculadas ao seu lugar de orixe.
Veira remarcou tamén que a súa traxectoria demostra que 'se pode ser referente internacional e seguir sendo de aquí', ao tempo que presentou o seu percorrido como unha mostra do potencial existente no país cando se aposta polo talento propio.