A Deputación reivindica a liberdade e a diversidade no Día do Orgullo LGTBI+

O Pazo Provincial da Deputación da Coruña acolleu o acto institucional de conmemoración do 28 de xuño, Día da Diversidade Sexual. Unha cita marcada pola defensa dos dereitos do colectivo LGTBI+ e a visibilización da diversidade sexual e de xénero, que contou coa presenza do presidente Valentín González Formoso, da deputada de Igualdade e Dereitos Civís, Soledad Agra, representantes dos distintos grupos políticos, e unha intervención artística do colectivo D’ELAS.
O acto enmárcase dentro da campaña Liberdade de Ser e de Sentir, promovida pola Deputación nos 93 concellos da provincia, e que inclúe palestras, teatro, materiais informativos, puntos de atención LGTBI e reparto de merchandising. No pleno provincial celebrado tamén esta mañá, aprobouse unha declaración institucional de apoio ao colectivo.
Durante a súa intervención, Formoso salientou o valor da campaña e o compromiso da Deputación co Orgullo: “Baixo a campaña ‘Liberdade de ser e de sentir’, a Deputación volve implicar este ano a 93 concellos da provincia e anima á participación de entidades sociais e veciñais na visibilización do Orgullo a través de accións simbólicas como a iluminación de espazos públicos, a exhibición da bandeira do arco da vella ou a difusión do cancelo #seresentir nas redes sociais”.
O presidente advertiu, porén, que “máis alá dos símbolos, hai fondo, hai contido e hai traballo durante todo o ano”, facendo referencia ao labor continuo en prol da igualdade. Tamén lembrou os 20 anos da aprobación do matrimonio igualitario, “un fito histórico que fixo de España un referente mundial en dereitos civís, malia á férrea oposición de forzas políticas que non só votaron en contra no Congreso, senón que mesmo recorreron a lei ante o Tribunal Constitucional”.
Reivindicou que “os dereitos non son irreversibles” e chamou a seguir apostando por políticas públicas que garantan contornos seguros e inclusivos, “tamén no rural e nos concellos máis pequenos”. E concluíu con contundencia: “Non hai neutralidade posible cando se trata de dereitos e liberdades: ou se está coas liberdades, ou se está contra elas”.
Formoso tamén tivo palabras de recoñecemento para o labor das entidades LGTBI+, “que moitas veces, con recursos limitados, crean espazos seguros, denuncian discriminacións e fan visible o que moitas veces aínda é silenciado”. E homenaxeou a todas as persoas que abriron camiño: “Cada avance foi posible grazas á loita colectiva, e cada dereito recoñecido só se mantén se o exercemos día a día, sen dar un paso atrás”.
A deputada Soledad Agra destacou que o 28 de xuño “é un día para demostrar que as persoas LGTBI existen, existiron sempre, e deben ter o mesmo dereito a vivir en liberdade que as heterosexuais, sen medo, sen agocharse, sen avergonzarse, con ORGULLO. Orgullo de ser e sentir fora do considerado como norma, reivindicarse con ORGULLO, visibilizarse con ORGULLO, con toda a parafernalia que durante anos os estigmatizou e sinalou, con plumas, con cores, con brillo, con ORGULLO”.
Ademais, advertiu sobre o aumento dos delitos de odio: “Os datos do Ministerio do Interior din que os delitos de odio contra persoas do colectivo LGTBI increméntanse cada ano, sendo os segundos máis denunciados, só superados polos de carácter racista”. Por iso, sinalou a importancia de promover un “ORGULLO crítico, que sexa festa, pero tamén memoria e resistencia. Non só bandeiras nas rúas e discursos unha vez ao ano, senón compromiso diario coa diversidade e coa igualdade real”.
A programación do acto incluíu tamén unha lectura de textos queer galegos por parte dos deputados Bernardo Fernández, Avia Veira e Izaskun García, e unha performance a cargo do colectivo artístico D’ELAS.