A Deputación reforza os servizos sociais en Paderne con novo vehículo e máis de 68.000 euros de investimento

O Concello de Paderne recibiu hoxe un novo vehículo destinado ao Servizo de Axuda no Fogar (SAF), grazas ao apoio da Deputación da Coruña. O acto contou coa presenza do presidente provincial, Valentín González Formoso, da deputada de Política Social, Mar García Vidal, e do alcalde local, Sergio Platas. O novo vehículo permitirá mellorar a atención ás persoas maiores e dependentes, facilitando tamén o traballo das profesionais que prestan o servizo. Formoso destacou que 'as traballadoras do SAF son fundamentais para que moitas persoas poidan seguir vivindo nas súas casas con dignidade e atención personalizada. Desde a Deputación queremos que poidan desenvolver o seu labor en mellores condicións'.
Con esta entrega, xa son vinte os concellos da provincia que contan cun vehículo para desprazamentos do SAF financiado pola Deputación, entre eles As Pontes, As Somozas, Aranga, Carnota, Mañón, Ortigueira, Paderne e outros. A Deputación da Coruña destina este ano 8,7 millóns de euros ao financiamento dos servizos sociais municipais. No caso de Paderne, o investimento ascende a 68.000 euros, que permitirán contratar unha persoa administrativa e un técnico de servizos sociais, ademais de financiar 2.000 horas de atención no SAF. Mar García Vidal subliñou que esta medida evita que as coidadoras teñan que utilizar os seus vehículos propios, reducindo custos e riscos, e mellora a calidade do servizo.
O alcalde Sergio Platas agradeceu a colaboración da Deputación, sinalando que 'este vehículo será moi útil para o equipo de Servizos Sociais e permitirá seguir ofrecendo unha atención próxima e de calidade aos veciños'. Durante a visita, Formoso destacou tamén o investimento récord do Plan Único (POS+2025), que este ano alcanza os 138 millóns de euros. Grazas a este programa, Paderne recibe 801.391 euros para obras de infraestruturas e mantemento de servizos públicos. Nos últimos dez anos, a Deputación investiu 8,7 millóns de euros no municipio, incluíndo 34 obras municipais.
O presidente e o alcalde visitaron a nova rede de saneamento do lugar do Cruceiro, rematada cun investimento de 115.000 euros, e confirmaron que próximamente se acometerá unha nova obra en Vilamourel. Formoso destacou que 'o saneamento e o abastecemento de auga son obras invisibles pero vitais para o día a día no rural. Sen estes servizos básicos non hai progreso, e o Plan Único é clave neste aspecto'.