A Deputación reforza os servizos sociais con 180 profesionais e 372.236 horas de Axuda no Fogar para 2025

ACoruñaXa
O ente provincial duplica o investimento na última década e eleva a achega por hora para aliviar aos concellos
BERGONDO axuda fogar
17 Oct 2025

A Deputación da Coruña activará en 2025 un novo impulso aos servizos sociais municipais cun paquete que inclúe a contratación de 180 profesionais do eido social e o financiamento de 372.236 horas do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), a través dun investimento total de 8,7 millóns de euros destinado aos concellos de menos de 20.000 habitantes.

O anuncio produciuse no Pazo de Mariñán, durante a apertura do XII Encontro dos Servizos Sociais Comunitarios, que leva por lema 'Tempos de humanidade e tecnoloxía'. A deputada de Política Social, Mar García Vidal, salientou que o reto é aproveitar a dixitalización sen perder o foco humano que guía a intervención social de proximidade.

Segundo explicou a responsable provincial, o programa chegará a 81 concellos e consolida un incremento superior ao 100% respecto de hai uns anos: o plan pasou de 4 a 8,7 millóns durante a última década baixo o goberno presidido por Valentín González Formoso. Para compensar a inflación e aliviar a carga financeira das administracións locais, a Deputación eleva a achega por hora do SAF de 12 a 14 euros.

A distribución das horas por comarcas queda así: 60.332 para A Coruña e As Mariñas; 40.884 no Barbanza; 79.333 en Bergantiños-Costa da Morte; 110.792 para Ferrolterra, Eume e Ortegal; e 81.294 na comarca de Santiago. O obxectivo é garantir atención no fogar ás persoas maiores e dependentes, favorecendo a conciliación e evitando o desarraigo.

No cadro de persoal, a Deputación financiará o 100% dos salarios: 18.000 euros anuais para administración, 22.000 para técnico/a A2 e 26.000 para técnico/a A1, coa posibilidade de xornada parcial. Trátase de traballadoras e traballadores sociais, educadoras, psicólogos e persoal técnico que prestan servizo dende os concellos.

Durante a xornada en Mariñán —na que participaron tamén representantes do Consorcio As Mariñas e dos concellos de Abegondo, Bergondo e Betanzos—, analizáronse cuestións como a ética do coidado, os bos tratos profesionais e a cooperación interadministrativa para unha rede de servizos máis coordinada. García Vidal chamou a reforzar a resposta pública fronte a desafíos como o envellecemento, a soidade non desexada, a pobreza infantil, a saúde mental e a fenda dixital.

⚙ Configurar cookies
0.070420980453491