A Deputación reforza o seu apoio ao tecido asociativo veciñal da Coruña cunha achega á FAVAC

A deputada de Medio Rural da Deputación da Coruña, Cristina Capelán Cancelo, visitou a sede da Federación de Asociacións Veciñais da Coruña e Área Metropolitana (FAVAC), situada na rúa Glasgow da cidade. O encontro serviu para coñecer máis de preto o traballo que desenvolve esta histórica entidade, que agrupa numerosas asociacións tanto da cidade como da súa contorna.
Durante a visita, Capelán reuniuse coa presidenta da Federación, María Luisa Varela, e interesouse polas actividades impulsadas pola organización, así como polo seu impacto na dinamización social dos barrios. A deputada puxo en valor a función vertebradora da FAVAC e destacou a importancia do apoio institucional a este tipo de entidades.
A Federación recibiu recentemente unha achega de 9.500 euros da área de Promoción Económica da Deputación, destinada á renovación do seu equipamento informático e material de oficina. Esta actualización ten como obxectivo “mellorar a capacidade organizativa e os servizos que presta ás asociacións que integran a Federación”, segundo explicaron dende a entidade.
Ademais desta achega, FAVAC tamén foi beneficiaria en anos anteriores doutras liñas de apoio da institución provincial, como as dirixidas ao desenvolvemento do programa “Veciñanza participativa” ou a realización de accións formativas centradas na implicación cidadá e o reforzo da vida comunitaria.
Durante a visita, Capelán salientou que “desde a Deputación seguiremos apoiando o traballo das asociacións veciñais, porque son un piar esencial para escoitar as demandas da cidadanía e canalizar propostas que melloran a vida nos barrios e nas vilas”.
Con esta nova colaboración, a Deputación reafirma o seu compromiso cun modelo de participación activa que fomente a cohesión social e o protagonismo do movemento veciñal na toma de decisións que afectan ao día a día da veciñanza.