A Deputación reclamará a Audasa os atrasos do IBI nos concellos da AP-9

O presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, reuniu no Pazo de Mariñán aos alcaldes e alcaldesas dos concellos polos que discorre a AP-9. Na reunión participaron tamén o deputado de Facenda, José Ramón Rioboo, e os responsables dos servizos de Tesourería e Asesoría Xurídica da institución provincial.
Durante o encontro, o presidente provincial confirmou que a Deputación atenderá a demanda dos municipios de reclamar a Audasa os atrasos no IBI correspondentes ao período entre o 19 de agosto de 2023 (cando rematou a bonificación do 95 % da que gozou Audasa durante décadas) e o 31 de decembro de 2023. Estas cantidades suman un total de 1,3 millóns de euros nos 18 concellos que delegaron o cobro do IBI na Deputación, sendo as cidades da Coruña, Ferrol e Santiago de Compostela as únicas excepcionadas.
Esta reclamación chega despois de que a Deputación liquidara a Audasa o 100 % do IBI de 2024, o que permitiu que os 18 concellos da AP-9 que delegan a xestión do imposto na Deputación pasaran dunha recadación de apenas 189.000 euros a preto de 3,8 millóns de euros anuais.
A decisión de liquidar o 100 % do IBI de 2024 tomouse de oficio, “sen custo ningún para os concellos nin para a cidadanía”, segundo recordou Formoso. Esta acción realizouse en virtude do Real Decreto 173/2000, cuxa cláusula vixésima establece o 19 de agosto de 2023 como data de fin da bonificación do 95 % que Audasa viña aplicando desde a Lei de 1972.
Na reunión, a Deputación da Coruña comprometeuse a negociar co Catastro outra importante demanda dos concellos: unha actualización catastral que revise as cantidades que Audasa paga en concepto de IBI. “Estamos en conversas co Catastro para intentar facelo de xeito consensuado. A Deputación ten claro que o seu interese é cobrarlle á empresa que xestiona a autoestrada o xusto, o mesmo que paga calquera veciño ou veciña”, afirmou Formoso.