A Deputación recibe este luns no Pazo de Mariñán aos participantes das Residencias Artísticas
A Deputación da Coruña xa ten todo disposto no Pazo de Mariñán para que o vindeiro luns comecen a desenvolver os seus proxectos os participantes na segunda edición das Residencias Artísticas convocadas pola Deputación da Coruña. Francisco Rodríguez Casal, Esperanza Mariño Davila e Laura Martínez Mateo —seleccionados na categoría de literatura— e Carmen Marina Vidal Valiña —na de pensamento— traballarán no Pazo provincial do 15 ao 26 de abril e convivirán, entre o 15 e o 20 deste mes, con dous dos grupos participantes nas residencias de música, Cantometrics e Su Garrido Pombo, mentres que Chumba e aTorna avanzarán nas súas propostas musicais do 21 ao 26 de abril.
A residencias inclúen a dotación material necesaria e espazos axeitados no Pazo de Mariñán para o desenvolvemento das propostas; manutención e aloxamento para as e os participantes, e acompañamento e seguimento do proxecto por parte da comisaria e do comisario co fin de facilitar a súa viabilidade. No caso das estadías de música, tamén formación específica para a profesionalización e a distribución das propostas, que farán persoas expertas convidadas; visitas e reunións de axentes culturais e programadores e programadoras, para apoiar a continuidade do traballo feito nas estadías dentro dos circuítos musicais, e financiamento das necesidades técnicas da creación: deseño escénico, de luces e de son ou o vestiario. No caso das estadías de literatura, programarase, ademais, unha xornada con convidados e convidadas relevantes no mundo da creación e do pensamento.
As residencias musicais
As formacións para os proxectos residentes do eido da música impartiranse en diferentes momentos durante os 12 días, tanto de xeito presencial como online. Todas se programaron dun xeito especializado para cada un dos proxectos atendendo ao seu nivel de desenvolvemento e necesidades creativas. Algunhas das formadoras e formadores que darán estas asesorías aos son os xestores culturais Víctor Flores e Iván Arias; as especialistas en comunicación cultural Bea Camiña "Produtriz" e Andrea Villa; a avogada especializada en cultura Ania González; as etnomusicólogas Xulia Feixóo e Beatriz Busto; oantropólogo Rafa Quintía; as axencias de contratación artística aCentral Folque e Sopla de Cara; o director de escena Marcos González "Ptt"e a escenógrafa Sandra Varela, entre outros.
Literatura e pensamento
Os proxectos de literatura e de pensamento contarán tamén con formación especializada e coa asesoría de figuras consagradas no mundo das letras e do pensamento como son a escritora Chus Pato e o poeta e escritor Ismael Ramos.
Proxectos anteriores das Residencias Mariñán
Na primeira edición das residencias de música participaron Berto, Caamaño&Ameixeiras, Mario G. Cortizo e Xacobe Martínez Cuarteto Federal. E, nas de literatura e pensamento, Vanesa Martínez, Andrés Sanjurjo, Paula Domínguez, Judith Ruso, Esther Carrodeguas, Soraya Lema, Abraham Pérez e María Marco. No Pazo de Mariñán empezaron a desenvolverse traballos coma Quitar o aire, o último disco de Caamaño&Ameixeiras; o proxecto Cuarteto Federal, encontro entre catro talentos do jazz contemporáneo español: o galego Xacobe Martínez, o andaluz Javier Galiana, o catalán Guillem Arnedo e o canario Kike Perdomo; Só un solo, que lle valeu a Mario G. Cortizo ser escollido para pechar o festival Classical:NEXT de Berlín, o Premio Martín Códax da música galega 2023 e a candidatura aos Premios Max 2024; ou Iribarne, texto teatral de Esther Carrodeguas que levou a escena, con grande éxito, o Centro Dramático Nacional.
Sobre as propostas
Roberto Abuín é o comisario das Residencias de Literatura e Pensamento, cuxo xurado —formado pola poeta Yolanda Castaño, o escritor Iván García Campos e a filóloga e ensaísta María López Sández— escolleu estas catro propostas:
- Francisco Rodríguez Casal: Do outro lado (literatura). Bebendo dun proceso creativo que integra a comunidade a través de testemuñas corais, Do outro lado é un proxecto de escrita de obra de teatro sobre o ecoloxismo, a comunidade e a súa descomposición no rural galego a partir de acontecementos ocorridos na aldea do autor. O xurado salientou que está formulado “dun xeito suxestivo, interesante, cunha liña artística potente”.
- Esperanza Mariño Davila: Narrativa, poesía e tradución en Xosé Manuel Beiras (literatura). A proposta ensaística é de interese, segundo o xurado, “por afondar na faceta literaria e de tradución dunha figura clave na historia contemporánea de Galicia”.
- Laura Martínez Mateo: A identidade agochada (literatura). Coa proposta deste poemario que demostra as diferentes vías de acceso á idea de identidade, o xurado quere incentivar “a solidez do compromiso co que esta neofalante decidiu facer da cultura galega a súa propia”.
- Carmen Marina Vidal Valiña: Recuperando a memoria das "tolas" galegas: o manicomio de Conxo a través das pegadas das súas internas (pensamento). A partir do estudo das historias clínicas de mulleres no manicomio de Conxo, proponse a recuperación da memoria das "tolas galegas". O xurado valorou “a recuperación da memoria dun sector de mulleres excluídas, precisamente cando nos motivos da súa exclusión se deron nesgos de xénero tan incardinados nun momento histórico. A proposta é de moito interese e atópase en liña coa traxectoria da autora”.
En Aitana Cuétara volve recaer este ano o labor de comisariado das Residencias de Música, cuxo xurado, formado por Carlos Crespo, Patricia Hermida e Carles Sala, escolleu estes catro proxectos:
- Su Garrido Pombo: Traspielas. A proposta da artista galega Su Garrido Pombo —a quen acompañarán na residencia Fran Rodriguez Casal, Marco Maril, Macarena Montesinos, Coral Piñeiro e Iago Ramilo— celebra a memoria colectiva dunha aldea en forma musical, textual, escénica e visual, que durante a residencia avanzará coa colaboración de artistas contemporáneas doutras disciplinas e músicas de estilos diversos como a electrónica, a experimentación, e a música tradicional. O xurado destacou que se trata "dun proxecto de territorio, social e comprometido".
- Cantometrics é unha banda formada por cinco músicas e músicos galegos de ampla traxectoria musical en diferentes estilos que abranguen dende a música clásica e académica ata a tradicional, pasando polo pop, o folk ou a electrónica. Marina Vigo (gaita), Luís Bolón (zanfona e percusións), Sandra Pérez (láminas e percusións), Nébeda Piñeiro (voz) e Fran Trashorras (acordeón) integran este proxecto que toma como base o arquivo sonoro de Alan Lomax. Partindo do material fotográfico do arquivo de Ruth Matilda Anderson, que percorreu Galicia na década de 1920, Cantometrics traballará nunha proposta audiovisual en formato vídeo que combina a intervención sobre as imaxes orixinais coa creación de repertorio musical inspirado na obra da fotógrafa.
- aTorna (o galego Gabi Reboredo e os cataláns Gutier Álvarez e Adrià Grandia) xunta dúas tradicións, as de Galicia e Catalunya, e tres ollares diferentes dende cadansúa historia e percorrido persoal. Conflúen neste proxecto tomando o rito colectivo, nun novo espazo de libre creación aberto á indagación nos mecanismos e códigos herdados pola tradición. Tanto os instrumentos coma os enxeños tecnolóxicos agora son repensados como "dispositivos sonoros tradicionais". Para o xurado, trátase dun "proxecto de gran calado, de investigación e pegada no imaxinario: tradición elevada a outra fase, lonxe dos trazos obvios por onde discorren as novas tendencias".
- CHUMBA (Alba Pego e Martín Sampredro): Marearte. Trátase dun proxecto artístico de inmersión que busca representar a unha sociedade "mal conectada" co entorno co que convive. Unha proposta que fusiona a creación sonora —recreación de ambientes e atmosferas sonoras—, creación musical —caracterizada pola fusión entre vangarda e tradición— e visual —a través de videoproxeccións e videomapping—, para crear unha experiencia realmente envolvente. O xurado apuntou que é "un proxecto integrador, de territorio, de pegada social, especialmente interesante por esa mestura de creación sonora, musical e visual".