A Deputación recibe 343 obras nas súas convocatorias literarias de 2024

ACoruñaXa
A semana que vén comezan as reunións dos xurados para decidir as propostas gañadoras dos certames
Imaxe do edificio da Deputación da Coruña
20 Ago 2024

A área de cultura da Deputación recibiu un total de 343 obras nas convocatorias dos seus premios literarios para este 2024. Os certames convocados inclúen o Premio Torrente Ballester de Narrativa en galego e castelán, o Premio Castelao de Banda Deseñada, o Premio González Garcés de Poesía e o Premio Raíña Lupa de Literatura Infantil e Xuvenil (LIX).

Entre as propostas presentadas destaca o Premio González Garcés de Poesía, que nesta súa XXII edición alcanzou un récord de participación, recibindo 129 obras, a cifra máis alta da última década.

A semana que vén, o 28 de agosto, comezarán as reunións dos xurados para decidir as obras gañadoras, iniciando co XIX Premio Castelao de Banda Deseñada. A partir de aí, entre agosto e novembro, os cinco premios literarios serán concedidos, cunha dotación económica total de 62.500 euros. As obras gañadoras serán editadas e distribuídas en librerías para chegar ao público lector.

Os xurados deste ano contan cunha nómina de 25 persoas de prestixio no ámbito literario, entre as que se atopan Brais Lamela, María Sánchez, Yolanda Castaño, Carlos Nergo, Sica Romero, Oriana Méndez e Xulia Vicente, entre outros.

Como novidade desta edición, o Premio Raíña Lupa introducirá unha nova modalidade, premiando unha obra na categoría infantil e outra na xuvenil.

 

 

0.19365000724792