A Deputación realiza achegas económicas a 114 entidades deportivas sen ánimo de lucro da provincia

ACoruñaXa
Co obxectivo de apoiar o funcionamento de clubs, asociacións e federacións que traballan a actividade física
dep-baloncesto
16 Jun 2025

A Deputación da Coruña vén de facer pública no Boletín Oficial da Provincia (BOP) a resolución definitiva da liña de axudas FO103A, destinada ao fomento do deporte. En total, adxudicáronse 549.176 euros a 114 entidades sen ánimo de lucro repartidas por toda a provincia, co obxectivo de apoiar o funcionamento de clubs, asociacións e federacións que traballan de forma continuada na promoción da actividade física.

O deputado responsable da área de Deportes, Antonio Leira, destacou a importancia destas achegas económicas para “manter a actividade deportiva en toda a provincia, desde os pequenos clubs rurais ata as escolas deportivas e entidades que traballan coa base e co deporte feminino”. Engadiu ademais que “o obxectivo é garantir que todas as persoas, vivan onde vivan, poidan acceder á práctica deportiva en condicións de igualdade”.

A resolución chega tras concluír o prazo de alegacións, sen modificacións significativas nas puntuacións provisionais. Entre as entidades beneficiarias figuran clubs de disciplinas moi diversas, como patinaxe, balonmán, fútbol, ciclismo, piragüismo ou taekwondo, así como asociacións que promoven programas inclusivos ou enfocados na saúde e o benestar da cidadanía.

Segundo apuntou Leira, “estas axudas permiten que moitas entidades poidan organizar adestramentos, participar en competicións ou desenvolver actividades en centros educativos e sociais, algo fundamental para a promoción do deporte na provincia”.

O deputado tamén quixo poñer en valor o traballo das persoas que están detrás destas iniciativas: “O esforzo dos voluntarios e voluntarias que hai detrás de moitas destas entidades, que con poucos recursos logran sacar adiante proxectos deportivos de gran valor social”.

As entidades beneficiarias deberán xustificar o destino dos fondos concedidos, que poderán utilizarse para cubrir gastos básicos do funcionamento deportivo, como persoal, equipamento, transporte ou loxística.

Esta liña FO103A enmárcase dentro dunha estratexia máis ampla de apoio ao deporte por parte da Deputación da Coruña, que este ano destina máis de 4,5 millóns de euros a diferentes convocatorias, beneficiando así a 570 clubs e entidades deportivas dos concellos da provincia.

⚙ Configurar cookies
0.17135810852051